O Concello de Boiro está a executar a primeira fase das obras para a recuperación dos sendeiros que unen o río Breiro e Mañóns, no tramo ata Exipto. As actuacións, dun importe de 100.336,08 euros, teñen como finalidade poñer en valor os camiños rurais existentes que conectan o núcleo urbano de Boiro coa praia de Mañóns para “favorecer a mobilidade peonil e ciclista, así como lograr unha integración paisaxística”, explicou o Concello.

A solución que se pretende adoptar é a de “crear unha senda de chan eco estábel cunha base de saburra natural e chan rematado en area-cemento para obter un piso estábel e duradeiro ás inclemencias meteorolóxicas e o tránsito de persoas e bicicletas”. O tramo que se está a executar nesta primeira fase ata o núcleo de Exipto é dunha lonxitude de 1.625 metros lineais e que contan cun ancho medio 2,2 metros

O proxecto conta, para a súa execución, dunha subvención dun importe de 80.000 euros da Axencia Galega de Turismo a través das subvencións a concellos para actuación de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea NextGenerationUE.




