A Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García, publicou no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega.
Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2024 e nela prevese a realización dos exames correspondentes aos niveis CELGA máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.
A realización destas probas está prevista para a segunda quincena de novembro tanto en Santiago de Compostela como en Ponferrada. As datas concretas dos exames publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.
Esta convocatoria forma parte do traballo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer o coñecemento e emprego da lingua galega de toda a sociedade e, nomeadamente, daqueles non nacidos en Galicia.
O prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (16,92 €) será de 15 días hábiles desde a data de publicación. Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Xunta, ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.




