A nova edición do Torneo Internacional CONGALSA de Fútbol Base xogarase na Pobra no 24 e 25 de maio

25 Setembro 2024

O Estadio Municipal da Alta vivirá nos días 24 e 25 de maio unha xornada que conxugará deporte e solidariedade: unha nova edición do Torneo Internacional CONGALSA de Fútbol Base celebrarase a favor da Fundación Aladina, desta vez, co apoio do Concello da Pobra do Caramiñal. A Fundación Aladina é unha organización sen ánimo de lucro nacida no 2005 que, na actualidade, colabora con 20 hospitais de toda España para que nin as preto de 1.500 crianzas enfermas de cancro alí tratadas nin as súas familias perdan o sorriso nin as ganas de loitar. Para iso, desenvolven diversas actividades, entre elas, os programas de atención integral.

Julio Mariño, promotor da cita, botou a andar este torneo a favor da Fundación Aladina no 2019, cando se disputou en Rianxo, para levalo no 2022 a Boiro e no 2023 e 2024 a Ribeira ata chegar no vindeiro 2025 á Pobra do Caramiñal. A única paréntese produciuse no 2020 e 2021 a causa da COVID-19. Así, as pasadas edicións posibilitaron recadar preto de 40.000 euros para contribuír ao labor da dita fundación.

Son moitos os patrocinadores deste evento deportivo, entre eles, a firma local CONGALSA, principal empresa patrocinadora. Conta tamén coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e a Secretaría Xeral para o Deporte, ademais de estar autorizado pola Real Federación Galega de Fútbol. A este respecto, o edil dos Deportes, Eloy Sobrido, manifestou que a Administración local optou por dar cabida a esta nova convocatoria “por tratarse dunha iniciativa que non só porá a atención no noso municipio a nivel deportivo dada a magnitude da mesma, senón que tamén permitirá confraternizar á rapazada de diferentes clubs e que sigan afondando nos valores que brinda o deporte como, por exemplo, o compañeirismo, o compromiso ou o respecto. E isto tamén xerará un significativo movemento de persoas ao noso municipio, o cal redundará positivamente na economía local, así como, agardamos, de localidades veciñas”.

Alén do devandito, Sobrido destacou que aquí o máis importante é o cariz solidario. Son moitas as probas que conxugan deporte e solidariedade na Pobra, polo que decidimos incorporar este torneo a favor da Fundación Aladina e do seu encomiable traballo”.

Canteiras profesionais e non profesionais de clubs de fútbol de España e doutros países europeos participarán coas súas categorías alevín. Deste xeito, daranse cita arredor de 35 equipos, o que se traduce en 900 nenos e nenas, de entre 10 e 12 anos, que demostrarán o seu talento co balón. E, durante eses días, estarán acompañados das súas familias, polo que se estima unha afluencia á localidade de aproximadamente 4.000 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía.

Dende a organización indican que, dado que se disputará na Pobra, están convidados de oficio o Crocha C.F. e o Puebla F.C. Tamén apuntan que xa están confirmadas as canteiras profesionais do Real Club Deportivo da Coruña e do Real Club Celta de Vigo, a nivel galego; o Real Zaragoza, o Real Betis e o Romo F.C., doutras partes do territorio nacional; e o F.C. Porto, o Sporting Clube de Braga e o Vitória Sport Clube, na dimensión europea. A maiores, hai comunicación oficial da presenza de varias canteiras de equipos non profesionais de toda Galicia. En vindeiras datas daranse a coñecer resto de clubs e a presentación oficial do torneo terá lugar, inicialmente, no mes de abril.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...