Todo ao grande, como debe de ser para aparentar fartura. En A Cañiza, neste mesmo ano,
Alberto fixo o bocadillo máis grande que se coñece no mundo. Era de xamón, tan grande
que ninguén era quen de comelo enteiro. A barra de pan medía uns vinte metros de
lonxitude e a loncha de xamón, cortada nunha soa peza, superaba esa lonxitude, chegaba
para quitar a fame e alimentar a varios famentos. Era máis longa, moito máis, que un día
sen pan.
As estadas soportaban a base do bocata e a xente comía , loaba aos promotores e despois,
todos para o festexo, para festexar o moito que se come e dicirlle ao mundo que cómpre
facer un parón e reflexionar sobre o que sobra, bastante máis do que fai falta. Vostedes,
amigos e amigas lectores/as, recordarán perfectamente aqueles bocadillos de mexillóns, de
tortilla ou de sardiñas. Aqueles que, ao probalos, entrabas con eles no ceo das alturas.
Alí arriba están agora os de Melide. Fixeron tal proeza que superou ás que se fixeran antes.
Cociñaron a tortilla máis grande do mundo. Para darlle a volta foi necesaria a concorrencia
de moitos homes e mulleres, de miróns, transportistas, curiosos, romeiros e peregrinos.
Se a tortilla de Betanzos é “moi betanceira”, como betanceiros son os da vila; a de Melide é
farturenta, grande como un mundo, con miles de ovos, unhas mil duascentas ducias, un
camión de patacas, trescentos litros de aceite para frixilas e sal por moreas. Unha tortilla
española que non se fai en calquera tixola. Para volteala, os cociñeiros e axudantes pasaron
os seus traballos. E, quen bullaría as patacas?
Agora xa están traballando para, na próxima edición da cociñada, se é posible, agrandala e
usar máis quilos de todo e grúas máis potentes, que poidan levantar a tortilla enteira moitos
metros de altura, revolvela no aire, pousala no lume e repartila en porcións de tres ou catro
euros. Ese día, cando sexa, que ninguén se acorde da fame, como di o refrán, “morra Marta
e morra farta”.
Un dos atrancos para que a festa siga ben, pode ser a cebola. A metade do público quere a
tortilla con cebola e a outra metade quérea sen cebola. Do queixo e do perexil pódese
prescindir, sen máis, pero hai a quen lle gusta moi feita e quen a quere máis crúa. A Tía
Manuela é clara, “a mellor tortilla é a da casa”.
A que leva patacas é tortilla española, redonda e do tamaño da tixola. Ten a súa historia
escrita con fogóns e carbóns e pode ter máis ou menos ovos, pero aquí sempre é saborosa,
en Betanzos, en Lalín, no Cebreiro e na Fonsagrada; en Navia, en calquera lugar de Ourense
ou de Pontevedra e na Cochinchina. A tortilla á francesa é outra cousa, Tamén é de ovos e
sérvese enrolada, ou nun prato grande, con forma de media lúa. É delicada, esponxosa e
suculenta.
“12 de octubre-Día de la Hispanidad. España, sangre y arena”. Alberto Barciela
España tuvo la suerte de Velázquez, de Zurbarán, de Murillo, de Goya, de Picasso. Es un país de pintacristos geniales y toreros rijosos, de meninas y curas falderos, donjuanes y celestinas, y también de ambiciones contables. Cálida tierra de poetas, como Bécquer, los...