A directora xeral de Promoción da Igualdade visita a sede Amicos en Boiro

25 Setembro 2024

A sede da Asociación Amicos en Boiro recibiu este mércores 25 de setembro a visita de María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia. Se ben a visita estivo centrada no traballo que a área de Emprego da entidade realiza para a orientación e inserción de mulleres con discapacidade ou en risco de exclusión social, Quintiana tamén puido coñecer as instalacións e o día a día das persoas usuarias do Centro de Día e do Fogar Amicos.

Á súa chegada recibírona a vicepresidenta da entidade, Digna Iglesias, o responsábel da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro, e a coordinadora de centros, Pilar Sampedro. Durante unha breve comparecencia ante os medios, que iniciou Adriana Miguéns, usuaria do Fogar Amicos, para agradecer a visita de da directora xeral; Iglesias reiterou o agradecemento, así como a contribución da súa área ao apoiar “o noso programa dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero, a través do que Amicos traballa para a inserción laboral destas usuarias, en especial no tecido empresarial e social da comarca. Esperamos que esta sexa a primeira de moitas visitas”.

Unhas palabras que reafirmou o responsábel de Alianzas da entidade, que explicou que “para nós é un pracer recibir a María en Amicos, onde teremos a oportunidade de mostrarlle unha parte do traballo que facemos, a que se realiza neste centro. Queremos agradecerlle a súa presencia e aproveitamos para agradecer tamén á Consellería o apoio que nos brinda en tódalas actividades que levamos a cabo, en concreto as accións relacionadas coa inserción de mulleres que están en risco de exclusión social, neste caso vítimas de violencia de xénero, e tamén proxectos internos para fomento de bos hábitos e condutas saudábeis para as persoas con discapacidade na nosa residencia”.

Quintiana, pola súa banda, salientou que “dende a Consellería de Política Social e Igualdade levamos moitísimos anos traballando coa Asociación Amicos, e non pode ser doutro xeito porque o labor que fan para tódalas persoas con discapacidade é fundamental para Galicia, e máis en concreto para a zona do Barbanza. Dende Igualdade da Xunta levamos moito tempo colaborando con elas, e así é como ten que ser, seguir chegando coa igualdade tamén ao ámbito da discapacidade”.

Trala intervención, a directora xeral de Promoción da Igualdade participou nun percorrido polo Centro de Atención Integral da asociación boirense. Durante a visita, coñeceu da man de Adriana Miguéns, usuaria do Fogar Amicos, os distintos servizos que ofrece a asociación así como o labor que se realiza dende as distintas áreas da entidade, que suma máis de 150 traballadores e un milleiro de persoas atendidas diariamente.

O punto forte da visita foi achegarse ao labor desenvolvido dende a área de Emprego de Amicos. Alí, parte do equipo expuxo ante a directora xeral as distintas iniciativas postas en marcha en materia de formación e orientación laboral, en especial aquelas dirixidas a mulleres con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social.

Asemade, Quintiana coñeceu tamén da man de distintas usuarias a súa experiencia como participantes en programas coma o de intermediación laboral para mulleres en situación de violencia de xénero da entidade, que apoia o seu departamento, ou o proxecto Pioneras, dirixido a mulleres con discapacidade que residen no rural.

Intermediación laboral para mulleres en situación de violencia de xénero

O ano 2024 é o terceiro no que Amicos organiza o programa destinado a deseñar e implementar itinerarios personalizados que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero. O principal obxectivo deste programa é acadar a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das participantes, combinada coa concienciación e mediación co tecido industrial da comarca.

Neste senso, Amicos acadou que máis dunha trintena de mulleres en situación de violencia de xénero atoparan emprego nas dúas primeiras edicións.

O programa inclúe formación especializada para o emprego, que combina con cursos de alta demanda como o de Manipulador de alimentos. A iniciativa conta con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Outros artigos

Martes 14, tempo variable ao longo do día

Galicia manterase nesta xornada nunha situación de equilibrio entre altas e baixas presións, o que deixará un tempo variable ao longo do día. Durante a mañá predominarán os ceos moi nubrados, con presenza de chuvias febles en distintos puntos da comunidade. Co avance...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“O sinal dos paxaros”. Luís Celeiro

“O sinal dos paxaros”. Luís Celeiro

Foi, dende a cidade onde vive e traballa, ao lugar onde permanece co teito enteiro a casa ondenacera, a mediados do século pasado. Alí, nunha das vigas de castiñeiro daquel enorme e baleirocurral, estaban as andoriñas facendo o niño. Ían e volvían enseguida con terra...

“Ser optimista, estar pesimista”. José Antonio Constenla

“Ser optimista, estar pesimista”. José Antonio Constenla

En español usamos dos verbos (ser y estar) para expresar lo que otraslenguas, como el inglés, concentran en uno solo (to be). No es una diferenciamenor ya que nos permite distinguir entre lo permanente y lo circunstancial,entre lo que somos y lo que simplemente nos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.