A Deputación da Coruña vén de incrementar de novo o orzamento do programa destinado a soster os servizos sociais nos concellos da provincia, que pasa dos 8,3 millóns que tiña consignados inicialmente para 2024 aos 9,1 millóns de euros cos que contará finalmente.
Con estes fondos, a Deputación permite aos municipios financiar 395.804 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) durante este ano e contratar a 178 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia. No Barbanza isto tradúcese en 19 profesionais contratadas/os e un investimento final de 1.089.683,00 euros, cun incremento de 100.069,00 euros.
Volvendo ás cifras provinciais, a Deputación explicou que os 800.000 euros que se suman ao orzamento inicial irán destinados integramente ao SAF, que pasa de 12 a 14 euros a hora, atendendo “unha das demandas das traballadoras do servizo e dos concellos, que teñen que asumir boa parte dos custes deste servizo con fondos propios, o que lles supón unha importante carga económica, xa que o custe actual está entre os 22 e os 24 euros/hora”, explicaron fontes da entidade provincial, engadindo que a achega da Deputación actualízase con estas actualizacións a 14 euros/hora, “dous euros por enriba da 12 euros/hora que achega da Xunta de Galicia, contando coa contribución do Estado”, puntualizou a institución. Lembrar que o pasado mes de abril o pleno da Deputación aprobou por unanimidade unha moción de PSOE e BNG instando á Xunta de Galicia e Estado a incrementar tamén o financiamento deste servizo para aliviar as economías municipais.
Rolda de reunións coas traballadoras do SAF
A suba no orzamento chega tamén despois da rolda de reunións que o presidente, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, mantiveron en distintos concellos da provincia coas traballadoras do servizo de axuda no fogar para coñecer a súa situación laboral e necesidades. Reunións das que saíron compromisos como este incremento de orzamento ou a compra de coches por parte da Deputación para que as coidadoras podan desprazarse aos domicilios a realizar o seu traballo, “o que en moitas ocasións se está a realizar con vehículos particulares”. Este ano, 15 concellos coruñeses disporán de vehículos adquiridos pola Deputación para a estes desprazamentos. Os concellos son Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro e Coirós, As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia e Oza-Cesuras.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que o SAF “é un servizo esencial para atender aos maiores nos concellos máis pequenos e cada vez máis demandado debido ao envellecemento da poboación. O incremento nos custos e na demanda fai que os concellos teñan que asumir importantes cargas económicas, que se incrementan ano a ano, polo que decidimos seguir reforzando esta pata fundamental dos servizos sociais dotándoa de máis orzamento e cremos que é necesario que a Xunta de Galicia siga tamén este camiño e reforce a súa contribución económica”.
Axuda a domicilio
Formoso explicou que “o orzamento dedicado a este importante programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou notablemente nos últimos anos”.
Así, a Deputación prevé financiar en 2024 un total de 395.804 horas deste servizo a un prezo de 14€ a hora, unha prestación esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos. A cifra supón un incremento de 120.000 horas máis que en 2020.
En 2024, a Deputación financiará 67.342 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.034 nos do Barbanza, 75.151 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 111.961 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 91.314 nos de Santiago.
O programa financia a contratación de 178 profesionais do eido social
O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 178 profesionais especialistas do eido social. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerábeis: nenez, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.
Prevese a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña, 19 na comarca do Barbanza, 35 na de Bergantiños-Costa da Morte, 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 53 na comarca de Compostela.
Cifras no Barbanza
Boiro
Persoal contratado: 2
Investimento final: 119.856,00
Carnota
Persoal contratado: 2
Investimento final: 109.384,00
Lousame
Persoal contratado: 2
Investimento modificado: 85.000,00
Mazaricos
Persoal contratado: 1
Investimento modificado: 92.000,00
Muros
Persoal contratado: 2
Investimento modificado: 80.222,00
Noia
Persoal contratado: 2
Investimento modificado: 128.161,00
Outes
Persoal contratado: 1
Investimento modificado: 106.000,00
A Pobra do Caramiñal
Persoal contratado: 2
Investimento modificado: 94.400,00
Porto do Son
Persoal contratado: 2
Investimento modificado: 109.660,00
Rianxo
Persoal contratado: 3
Investimento modificado: 165.000,00
Total comarca
Persoal contratado: 19
Investimento modificado: 1.089.683,00
…