O implicado resultou ileso e foi auxiliado por un pesqueiro, que o remolcou na súa embarcación ata terra.
Faltaban escasos minutos para as 16:30 cando os efectivos do Grupo de Emerxencias Municipal de Ribeira alertaron ao 112 Galicia de que había unha persoa que tiña dificultades para regresar á praia da Corna coa súa embarcación. Na zona sopraba vento forte, e cada vez atopábase a unha maior distancia da beira.
Con toda esta información, os xestores do 112 Galicia activaron un operativo para o que solicitaron a colaboración de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil e dos axentes da Policía Local da Pobra.
Estes últimos desprazáronse por terra ao lugar para comprobar a situación, coñecendo pouco despois o desenlace: un barco pesqueiro que navegaba pola zona remolcouno a terra.




