As festas de verán de Ribeira honran este sábado á “Virxe do Carme”. O acto terá lugar ás 18.00 coa Misa Solemne cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil na Lonxa Nova.
O acto relixioso, dedicado este ano ós xubilados do mar, estará presidido polo Arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto. Por primeira vez instaurase unha ofrenda que nesta ocasión fará o histórico xornalista, Antón Luaces, home vinculado a Ribeira e colaborador de “obarbanza.gal“. Luaces empezou no mundo do xornalismo na emisora parroquial “Radio Riveira”a principios dos anos sesenta. Posteriormente a súa traxectoria levariao a dirixir o emblemático programa “Españoles en la Mar”, que se emite por Radio Exterior de España e que chegou a contar con 85 millóns de ointes nos cinco continentes a través da Onda Curta.
Ó oferente respostará o Arcebispo de Compostela, e de seguido terá lugar a tradicional procesión marítima e terrestre acompañada pola Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso; coa colaboración das asociacións Alfaia e Amas de Casa de Ribeira).
O sábado 3 de agosto contará tamén con actividades infantís na praza de Pablo Neruda (ás 11.00 e con circuíto sensorial) e na praza do Concello (ás 11h). Ás 12.30 haberá contacontos infantís a cargo de Nuska no Malecón e ás 13.00 inaugurarase a exposición Pintura en vivo e en directo na Tenda Galería O Faiado.
Ás 13.30 celebrarase un concerto no Malecón con Marcos Teirae como comentamos ás 18.00 oficiarase a Misa Solemne na Honra da Virxe do Carme, cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil na Lonxa Nova (ao rematar haberá procesión acompañada pola Banda de Música Eduardo Pondal de Ponteceso; coa colaboración das asociacións Alfaia e Amas de Casa de Ribeira).
Ás 20.00 horas celebrarase o Trofeo de Fútbol Festas do Verán, na Fieteira (entre Cidade de Ribeira e o Pontevedra Club de Fútbol) e pola noite, ás 23h, haberá verbena no Malecón con Orquestra Los Players. Na Praza de España, ás 23h, actuarán (no marco do Ribeira Urban Fest) DJ Popy, Borja Solla, Pawly, Enter e Marc Montalvo. Organiza Grupo Fercosti coa colaboración do Concello. Ás 00.00 horas haberá un Tributo a Extremoduro, na praza de Pontevedra, a cargo de Pedrá.
“A Festa do Carme en Ribeira, homenaxe á xente do mar” – Antón Luaces
Este sábado, 3 de agosto, a tradicional festa do Carme -nas tamén tradicionais festas patronais de Ribeira- terá un especial significado: se sempre se lle tributou recoñecemento especial á patroa dos mariñeiros, desta vez (e con vocación de continuidade) a homenaxe será compartida coas mulleres e os homes do mar que, co seu esforzo conxunto ou individual souberon situar ao pobo que os acubilla -Santa Uxía de Ribeira- entre as máis importantes poboacións pesqueiras de Europa.
Merecida homenaxe, xusto cando familiares e amigos de mariñeiros mortos ou desaparecidos en augas de Malvinas -outro caladoiro referencial cando en Galicia lembremos aos que xa non están con nós- choran aos que, como tantos outros tantas veces, nunca máis arriarán ao mar aparellos que sempre dan vida en terra.
A do Carme, en Ribeira, e ao igual que nos demais portos da Galicia mariñeira, sempre é festa para a lembranza dos que un día marcharon cun adeus largacío ao pico da Curota, última -demasiadas veces derradeira- imaxe da terra, da casa, da familia, dos amigos que, en tantas ocasións, foron tamén o derradeiro pensamento, o bico morno que se esvae na burbulla que busca a luz perdida e que concreta ese adeus tantas veces expresado na inquedanza do catre.
Será, a do sábado, na lonxa ribeirense e ao pé da Patroa Santa, a homenaxe máis sentida e merecida, complementada polas flores que mulleres, homes e nenos guindan ao mar dende a cuberta dos barcos que procesionan ateigados de agradecidas persoas que pisan por uns minutos onde antes e dempois pisarán os profesionais do mar a quen, con ese acto, se lles vai recoñecer unha mínima parte do que merecen.
Salve, Raíña dos Mares.