O pasado 7 de agosto a Casa da Cultura de Dodro acolleu a presentación de El Chevrolet de Pessoa, o novo libro do escritor e xornalista local Ramón Reboiras (San Xián de Laíño, 1961). O acto literario foi un éxito de público con medio centenar de persoas ateigando o espazo exterior da Casa da Cultura. Contouse coa presenza do tamén poeta local Anxo Angueira, e máis do alcalde Xavier Castro, entre outros.
Nesta obra, os versos do poeta luso Pessoa “Na estrada de Sintra, cada vez máis preto de Sintra. Na estrada de Sintra, cada vez menos preto de min” serven a Reboiras para contar escenas dunha vida e instantes no tempo da vida do inmortal escritor portugués.
Ramón Reboiras é escritor e xornalista. Foi xefe de sección de cultura no diario O Independente, redactor xefe das revistas Cinemanía e Rolling Stone, subdirector de Esquire e Harpers Bazaar e director cultural de FNAC España. Desde 2017 dirixe a redacción de TintaLibre.