O festival Rock in Rian máis plural achega a Rianxo a 14 grupos galegos, dous vascos, un de Valencia e outro de Madrid

22 Agosto 2024

O festival Rock in Rian, de Rianxo, presenta este ano a súa edición máis aberta e plural. O festival acolle este ano a 18 formacións, entre as que, ademais das galegas, hai grupos que chegan dende Euskadi, Comunidade Valenciana e Madrid. Outro tanto acontece en canto as estilos musicais. O Rock in Rian abre neste 2024 o abano de sonoridades máis que nunca con propostas que van do punk rock ao reggae, do neotradi ao soul, do pop festivo á comprometida canción de autor.

Na súa primeira xornada, o venres 6 de setembro, o Rock in Rian contará coa presenza no seu escenario de Kaotiko, toda unha lenda no punk rock peninsular. Tamén estará a banda valenciana de reggae Auxili, os madrileños Alamedadosoulna, referencia da escena das músicas negras; Sés, coa súa proposta de mestizaxe sonoro e compromiso; e A Duendeneta, que se encargará de animar os cambios entre os grupos e de facer unha sesión tralo remate dos concertos. A xornada do venres tamén contará coas actuacións das bandas locais Río de Anxo, Fogo Fatuo, Vai de Roda e Buxaina.

O programa da xornada do sábado inclúe un dos pouquísimos concertos que van a ofrecer neste 2024 Lamatumbá. Ademais dunha das mellores bandas de ska da península, os navarros Skabidean; a revisión da nosa música tradicional en clave de electrónica e danza que propón MondraDios Ke Te Crew, a banda seminal do rap e do hip hop galego; o rock enérxico, festivo e comprometido de Pauliña; o desenfreo sempre bailable e cheo de sentido do humor de Monoulious Dop; os non menos desenfreados e vitalistas Os Vacalouras; a brass band feminina máis admirada de Galicia, Brassica Rapa; a banda de rúa Louband e, de novo, A Duendeneta, nos cambios entre grupos e no fin de festa.

ENTRADAS

Os abonos para os dous días do Rock in Rian están á venda en www.festivalrockinrian.gal e en www.woutick.es a un prezo de 30 euros (+gastos de xestión). O prezo das entradas para un día é de 18 euros (+gastos de xestión). O Rock in Rian conta cunha zona de acampada gratuíta para os asistentes ao festival.

ACTIVIDADES PARALELAS

Aínda que os concertos comezarán pola tarde, o inicio do Rock in Rian terá lugar o venres o 6 de setembro, ás doce do mediodía no auditorio da vila, cun acto aberto ao público no que se presentarán as cancións e os traballos feitos nos últimos meses polos escolares de Rianxo xunto a Pauliña, Dios Ke Te Crew, Xurxo Souto e Sés.

Nese mesmo acto, ao que están convidados nenos, nenas e profesorado, artistas involucrados, autoridades e demais veciños e festivaleiros tamén se presentará o videoclip de cada canción e o after movie do evento.

Ademais da celebración dos concertos no recinto do festival o Rock in Rian programará durante esa fin de semana en Rianxo espectáculos de rúa, presentacións literarias, proxeccións audiovisuais e pasabares.

GRUPO A GRUPO:

VENRES 6

KAOTIKO

Dende Salvaterra (Euskadi) chega esta mítica banda con 25 anos de traxectoria e nove discos as súas costas. O máis recente, “Sin filtro”, un disco no que o grupo recoñece que hai certa involución. Que quixeron volver aos primeiros discos de Kaotiko, sobre todo ao primeiro e ao segundo, pero con sons máis actuais. “Sen filtro cheira un pouco aos nosos inicios e estamos moi contentos diso”, recoñecían hai pouco nunha entrevista.

SÉS

Poucas presentacións precisa a nosa María Xosé Silvar, que leva anos acreditando o seu poderío en directo. O estilo de Sés mestura as doses exactas dos ingredientes dunha fórmula máxica que consegue un resultado orixinal e xenuíno: rock’n’roll, tradición oral galega, certa cadencia da canción de autor latinoamericana cunha actitude punk, reivindicativa e unha posta en escena cunha constante interacción co público asistente. O seu discurso valente, novo, contundente e directo fan da figura de Sés a voz de moitos.

ALAMEDADOUSOULNA

Preséntanse a si mesmos como unha banda madrileña de músicos afundidos nas raíces da música negra máis bailable e elegante. Sobre o escenario, levan 20 anos creando un espectáculo total, con temas propios e versións de clásicos do ska, swing, reggae e soul. Unha demoledora base rítmica, varias voces e unha frenética sección de ventos son garantía de enerxía, elegancia e moita diversión.

AUXILI

Dende Ontinyent (Valencia) chega esta banda caracterizada por un son no que predomina o reggae, aínda que tamén experimentan con outros xéneros como o rap, o ska ou a electrónica. As letras de Auxili adoitan ter un alto contido reivindicativo e falan de cuestións como a desigualdade social, a mala xestión política, a brutalidade policial ou os problemas derivados do capitalismo. Aínda que como é frecuente no reggae, tamén teñen cancións cunha mensaxe positiva e  de amor.

A DUENDENETA

Retorna ao Rock in Rian unha vella amiga, a furgoneta que máis nos fai bailar e gozar en Galicia. Con Carlos Crespo e Kris K Dj aos mandos, A Duendeneta encargarase o venres e o sábado de ambientar os cambios entre grupos e de alborotar ao persoal cunha sesión tralo remate dos últimos concertos.

SÁBADO 7

LAMATUMBÁ

O retorno de Lamatumbá foi unha das grandes novas da música galega mo 2023. A banda ourensana que marcou unha época grazas a súa arrebatadora fusión de cumbia, reggae, ska, rock e folk, cunhas letras cheas de ironía e non exentas de crítica e compromiso, volveu aos escenarios 11 anos depois de que decidiran tomarse un descanso. Este ano anunciaron que van facer pouquísimas datas. É unha honra que unha delas sexa no Rock in Rian.

SKABIDEAN

Con dez músicos en escena preséntase está banda de ska, reggae e rocksteady formada no entorno de Iruña en 2012. Dende entón ten ofrecido máis de 200 concertos, sobre todo en Euskal Herria, se ben nestes últimos anos a súa proxección está a transcender con moito as fronteiras vascas. Desta volta, chegan a Riaxo para demostrar por que.

MONDRA

Cantante, pandereteiro e bailador, Mondra é unha das novas figuras que están a revolucionar a música galega. Bastoulle un disco, “Crónicas d’Ardēn”, e un descomunal espectáculo en directo, no que combina música tradicional, electrónica e danza, para estar en xa boca de todos e ser un dos artistas con máis tirón de Galicia. Non en van, el foi o elexido para abrir o histórico concerto de Tanxugueiras no Coliseum da Coruña.

DIOS KE TE CREW

Se hai un nome que o significa todo na escena do rap galego, ese é, sen dúbida, o de Dios Ke Te Crew. A banda de Ordes, que o ano pasado  celebrou o seu 20 aniversario, está no xérmolo de moito do que está a pasar na inqueda escena do hip hop en Galicia. Sen nunca acomodarse nen baixar a garda. En Rianxo demostrarán por que son tremendos estes “Anos 20”.

PAULIÑA

Tres anos despois do seu último traballo, Pauliña ven de publicar neste 2024 “Galego is not dead”, un disco no que as reivindicacións lingüísticas e feministas e os desacougos persoais e colectivos maniféstanse sobre sonoridades que transitan entre o rock, o ska e o reggae. E se o disco xa é enérxico dabondo, esa boa vibra e esa enerxía que desprende a cambadesa afincada en Compostela  multiplícase por catro noa seus concertos.

MONOULIOUS DOP

A música e o sentido do humor son as pedras angulares sobre as que constrúe  súa música e os seus directos está formación liderada por Mon e Ula. Se algunha vez tes estado nun concerto de Monoulious seguro que non o vas a esquecer nunca. E se non estiveches, esta é a túa oportunidade. Desenfreo sen tregua e baile sen cuartel con cancións que se desenvolven con festiva naturalidade entre o funk, o disco, o pop e os ritmos latinos máis bailables.

OS VACALOURAS

Denxde Teis (Vigo) chega este cuarteto de punk-rock ou “pataca’n’roll”, como eles mesmos se definen. Fillos do bravú, as súas letras saltan entre o absurdo e a defensa da tradición galega, tanto cultural como social, cargadas de retranca popular.

BRASSICA RAPA

A brass band máis querida de Galicia nonm podía quedar fóra deste Rock in Rian. Formada íntegramente por rapazas, Brassica Rapa buscaban darlle unha volta ao concepto de música de rúa e vaia se o conseguiron. Tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera festiva coa súa música, grazas a un repertorio coñecido e fresco, coa que a troula está garantida.

LOUBAND

Oito imparables músicos (percusión, baixo, guitarra, teclado, trombón, saxofóns e técnico de son) acompados dun pequeno escenario móbil conforman esta versátil “street band” ou banda de rúa. No seu repertorio inclúen grandes clásicos da música espñaola e internacional, pero sempre cos seus particulares arranxos para procurar o baile.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...