O Concello de Boiro sacou a licitación as obras para o proxecto de mellora e adaptación do Centro Arqueolóxico do Barbanza, situado en Neixón. O importe total do proxecto ascende aos 62.959,04 euros e está co-financiado pola Axencia Galea de Turismo a través das actuacións para o embelecemento do litoral. As empresas interesadas en participar no proceso de contratación deben presentar as súas ofertas mediante a Plataforma de Contratación do Sector Público ata o vindeiro 9 de setembro.
O Concello lembra que o inmóbel do Centro Arqueolóxico do Barbanza rematouse de construír no ano 2009 e, dende aquela, non tivo ningunha actuación de mellora relevante polo que, na actualidade, presenta algúns problema de filtracións de auga e humidades. Con esta actuación o que se pretende é “acondicionar o edificio para cubrir as deficiencias actuais, creando unha sala interior de proxeccións no espazo que ocupaba a antiga cafetería”, sinalou o Concello, engadindo que o proxecto abrangue unha actuación en dúas fases con actuacións tanto no interior coma no exterior do inmóbel para mellorar a accesibilidade e eliminar as filtracións de auga así como o acondicionamento integral do espazo da antiga cafetería para crear unha sala de proxeccións. A segunda fase da actuación contempla a limpeza das fachadas exteriores e a instalación dunha cuberta con soleira exterior.
Para levar a cabo estas actuacións o Concello de Boiro recibe unha subvención por importe de 50.000 euros da Axencia Galega de Turismo a través das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationUE.




