Momi Maiga, Descofar e Camille Levecque pechan este sábado a 11ª edición do Noia Harp Fest

09 Agosto 2024

O Noia Harp Fest despedirase este sábado da súa 11ª edición con tres concertos de altura e que terán lugar en dous espazos emblemáticos da localidade coruñesa: o Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. O virtuoso percusionista senegalés Momi Magia, a francesa Camille Levecque e os bretóns Descofar porán o ramo ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia con tres actuacións que, de seguro, quedarán para o recordo do público asistente.

A xornada comezará ás 19.00 horas coa estrea do Claustro de San Francisco (Casa do Concello) coma nova sede do Noia Harp Fest, que acollerá o recital da intérprete francesa Camille Levecque, quen volve formar parte do cartel logo da súa participación no ano 2017 co espectáculo infantil e xuvenil El arpicuento. Nesta ocasión, será un concerto íntimo -entrada de balde e libre ata completar a capacidade do espazo- no que o público do festival poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo desta recoñecida arpista, quen ademais de actuar nas mellores salas europeas con formacións orquestrais, tamén ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. 
Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá dous directos -cuxo acceso tamén será gratuíto- nunha noite marcada pola experimentación e pola estrea en Galicia dos seus protagonistas. A sesión comezará con Descofar, un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo, e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, todo coa intención de reivindicar a emoción a través do son. O seu primeiro LP, Chimera (2022), mestura temas orixinais, composicións tradicionais e cultura rock. O movemento estará garantido. 

A continuación, o peche do 11º Noia Harp Fest chegará tamén co debut en Galicia do cantante e intérprete senegalés afincado en Cataluña Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, quen presentará o seu primeiro disco, NIO, no que combina o jazz étnico, o flamenco e os son das súas raíces mandinka. Sobre o escenario, a partir das 22.00 horas, os sons da kora, do violín, do violonchelo, da percusión e da voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular entre os límites da creación musical contemporánea e da tradición oral de Senegal.

NOIA HARP FEST
O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase  do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística
O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal


AXENDA NHF | 10 DE AGOSTO

19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)

Outros artigos

En Aguiño centos de personas fixeron a andaina solidaria contra o cancro

Centos de persoas marcharon en Aguiño en beneficio da AECC e renden homenaxe a Josefa Abraldes. AECC Un total de 600 persoas uníronse á segunda edición da andaina solidaria “Aguiño contra ou Cancro”, organizada pola xunta local de Ribeira da Asociación Española Contra...

+

Pesar polo pasamento do xornalista Xavier Navaza Blanco

“Un calificado e sagaz xornalista, finísimo e agudo articulista político, requintado investigador e posuidor dunha sólida base cultural” son os calificativos que a Asociación da Prensa de Santiago (APSC/FAPE), da que foi Presidente nos anos 1980-83, destacou tralo...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nos deben una explicación”. José Castro López

“Nos deben una explicación”. José Castro López

En el film de Berlanga “Bienvenido Míster Marshall”, Don Pablo, el alcalde de Villardel Rio -magistral Pepe Isbert-, después del paso de la “caravana de la abundancia” sinparar en el pueblo, se dirigió a sus vecinos para decirles “que yo, como alcalde vuestroque soy...

“Residencias universitarias” – José Manuel Pena

“Residencias universitarias” – José Manuel Pena

Comeza un novo curso escolar, nos diferentes campus universitarios. En Galicia, este ano, as matrículas universitarias serán gratuítas. Tamén xa o eran para os estudantes que obtiñan unha bolsa de estudos, principalmente procedentes de familias humildes, de acordo cos...