A exposición, que conmemora o 25 aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN, estende a súa apertura en Santiago ata o sábado 21 de setembro.

A exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke, amplía a súa estadía en Santiago de Compostela ata o sábado 21 de setembro. A mostra, que xa suma máis de 30.000 visitas desde a súa inauguración, permanecerá aberta na Igrexa da Universidade en horario de martes a sábado, de 11.00 a 20.00 horas. O proxecto, froito da colaboración do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Arts at CERN, conmemora, neste 2024, o 25 aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).
Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do fotógrafo e cineasta Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN.
Este proxecto está comisariado por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora de Arts at CERN, o programa de arte desta organización científica, e enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade. Así, Instrumentos de Visión contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as diversas liñas de investigación do IGFAE.



