Adxudicadas por 0,9 millóns as obras de construción da nova depurada de augas de Lousame

30 Agosto 2024

A Xunta adxudicou por 906.296,61 euros as obras para dotar a varias aldeas da parroquia de San Xoán, no concello de Lousame, “dun sistema de saneamento eficiente e completamente renovado”.

Os traballos incluirán a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais que, unha vez operativa e xunto coa rede de saneamento prevista tamén no contrato, dará servizo aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, Quintáns e Costa, lugares que nestes momentos non contan cun sistema de depuración axeitado.

Foto de arquivo da licitación do proxecto da nova depuradora

Cun prazo de execución previsto de nove meses, o obxectivo é que a UTE adxudicataria inicie os traballos este mesmo ano para que o saneamento nestes cinco núcleos de Lousame e a nova depuradora estean rematados en 2025, “o que permitirá tratar as augas de preto de 400 habitantes equivalentes”, explicou a Xunta, engadindo que para resolver a situación actual e garantir un sistema de saneamento eficiente para a veciñanza, as obras “permitirán executar unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos e tamén de parte dos de Croído para conducilas despois ata unha nova depuradora, que se vai executar na parcela proposta polo Concello xunto ao rego Pesqueira, na zona de Roucheira”. Concretamente, proxéctanse 3 colectores de saneamento, cunha lonxitude de máis de 1,2 km; ademais dunha impulsión no núcleo de Costa, de preto de 400 metros. Un dos colectores construirase na marxe esquerda da estrada DP-4201, na intersección de Croído, e outro na zona do Campo de Fútbol da Silva, para chegar ata a nova EDAR. O terceiro partirá da rede existente de Costa e chegará ao novo pozo de bombeo deste núcleo, que recollerá as augas residuais de Berrimes, As Quintáns e Costa, impulsándoas cara ao colector para logo levalas á nova depuradora.

En canto á EDAR, estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada.

Cómpre lembrar que esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado o ano pasado entre a Xunta, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Lousame, por importe de 1,1 millóns de euros.

No mesmo recóllense como obrigas da Administración autonómica contratar e executar as obras, financiándoas cunha achega do 80%; e como obrigas do Concello, achegar o 20% restante, ademais de realizar os trámites administrativos e de poñer á disposición os terreos necesarios para a realización dos traballos.

En todo caso, estas obras están cofinanciadas pola UE nun 60% do gasto a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...