Este xoves, 29 de agosto, un total de corenta rapaces e rapazas do campamento xuvenil Virxe de Loreto participaron na segunda xornada de sensibilización ambiental do proxecto Amiríos, impulsado pola asociación inclusiva da nosa comarca Amicos. A acción, conducida polos axentes medioambientais de Amicos nas proximidades do río Quintáns no seu paso polo paseo de Aguieira, contou coa visita do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, o concelleiro de Conservación e Medio Ambiente do Concello de Porto do Son, Juan José Calo, e a concelleira de Cultura, Ocio e Tempo Libre sonense, Alicia Martínez, e o alcalde de Noia, José Santiago Freire.
Nese punto foron recibidos pola vicepresidenta de Asociación Amicos, Digna Iglesias, e o director xeral da entidade, Xoán España. Da súa man os visitantes coñeceron os obxectivos deste proxecto posto en marcha na segunda metade deste ano, que busca “divulgar, concienciar e sensibilizar á sociedade sobre os comportamentos que contribúen a potenciar o valor ambiental dos ríos e sobre a importancia de protexer e conservar os ecosistemas fluviais”.
Durante a mañá deste xoves, os participantes desfrutaron de tres xogos adaptados a través dos que puideron coñecer a fondo as características da auga, os seus estados e as etapas do ciclo da auga; así como a biodiversidade que habita os ríos galegos. Outra das actividades estrela foi a análise da calidade ambiental da auga, mediante a que os mozos e mozas puideron descubrir os valores de osíxeno, fosfatos, nitritos, nitratos e pH presentes nunha mostra recollida no río Quintáns. Alí descubriron como os resultados acadados afectan á biodiversidade da zona.
Con respecto á experiencia, Roi Fernández destacou que “tratase dunha acción fundamental para poñer en valor os ríos galegos, os espazos naturais existentes na súa contorna e avanzar na súa protección e conservación”. Neste senso, incidiu “na transcendencia de coidalos e velar pola calidade das súas augas pois teñen un papel vital na prestación de determinados servizos esenciais para a cidadanía como o abastecemento e saneamento das augas”. Por iso, destacou “o labor de Amicos a través de iniciativas coma esta, pois permiten dar a coñecer tanto á cativada como ao conxunto da sociedade a importancia de preservar estes espazos fluviais para seguir gozando dunha natureza sen igual, coa que conta a comunidade ao tempo que promove a inclusión social coa participación de rapazas e rapaces que se converten en exemplos e referentes para o conxunto da cidadanía”.
Pola súa banda, o director xeral de Amicos dirixiuse á cativada deste xeito: “A principal fonte da agua que consumimos son os ríos e acuíferos, polo que como sociedade temos que preservar, vixiar e recuperar a auga. Esperamos que co que aprendades aquí, sexades os cidadáns concienciados que protexan no futuro os ríos e regatos que teñades preto de vós. É vital que sexamos conscientes da importancia da auga e que é un recurso limitado, que necesitamos coidar”. Tamén se dirixiu ás autoridades institucionais presentes, as que quixo “agradecer a súa participación, o seu apoio ás iniciativas de Amicos no ámbito da ecoloxía e integración das persoas con discapacidade intelectual. Esperamos que desfrutedes desta xornada e de tódolos obradoiros, conducidos polos nosos axentes ambientais”.
Un proxecto que aborda a problemática dos nosos ríos
Amiríos é un proxecto promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. A iniciativa nace para promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación das fontes fluviais da zona hidrográfica Galicia Costa.
As accións apóianse na educación ambiental, o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión. Todas elas conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.
Ao abeiro deste proxecto estanse a realizar xornadas de sensibilización en campamentos e colexios, nas que ata o de agora xa participaron máis de 150 rapaces e rapazas. A partir de setembro tamén se instalarán distintos puntos de información en espazos públicos da zona hidrogáfica Galicia Costa dirixidos polos axentes de Amicos.
Asemade, realizaráase distintas xornadas de voluntariado nos ríos Soñora, Artes, Brea, Ulla e Sar, así como en Corrubedo. Os e as voluntarias participarán de forma directa na conservación e rehabilitación ambiental destes mediante a restauración de vexetación autóctona e a erradicación de especies invasoras. Accións conducidas polas Ecobrigadas.