Ecoloxistas en Acción denuncia que este verán estase a producir “unha proliferación sen precedentes” das acampadas ilegais nos espazos naturais costeiros na ría de Arousa, concentrándose especialmente en contornas senlleiras como o bosque palustre do Porrón, en Rianxo. A organización critica que “nas últimas semanas incrementáronse as concentracións de incontroladas de autocaravanas e furgonetas, nas que usuarios incívicos veñen cortando árbores e vexetación de ribeira para colocar as súas instalacións ilegais e deixando un rastro de lixo e feces”. Segundo explican, “non se trata de viaxeiros de paso ou acampadas xuvenís de fin de semana, senón de veraneantes totalmente equipados para unha longa estadía que están sendo totalmente irrespetuosos co medio natural”.
A organización ecoloxista lembra que a acampada e o estacionamento prolongado de vehículos camperizados é totalmente ilegal en espazos do Dominio Público Marítimo-Terrestre, o que xa motivou unha primeira denuncia ante a Demarcación de Costas do Estado en Galicia. Non obstante, lamentan “a falta de control, ausencia de sancións e mesmo a negativa das administracións para tomar medidas para a protección destes espazos litorais, como pode ser a instalación de sinais ou obstáculos que impidan o acceso de vehículos”.
Entre as prácticas incívicas documentouse a corta de arboredo, a instalación de toldos e lonas, a realización de fogueiras e uso de cociñas de gas (con risco de incendio), ademais de converter “espazos relictos en letrinas e vertedeiros de residuos, causando unha degradación de hábitats prioritarios, mesmo en zonas situadas en Rede Natura 2000”. Por iso, anuncian que comezarán a interpor denuncias individuais contra os infractores ao considerar que a escala dos danos pode supor a comisión de delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais.
Porrón (Rianxo): zona cero dos macrocampings ilegais
Na pasada fin de semana, primeira do mes de agosto, Ecoloxistas en Acción constatou como unha decena de vehículos converteron un bosque palustre ao carón da praia do Porrón (Rianxo) “nun verdadeiro macrocamping con toldos, mobiliario e máis de 12 puntos estrados de excrementos”. Destacan ademais este caso por tratarse “dun espazo situado a escasos metros dun estacionamento temporal habilitado polo concello” e a menos de 1 km dun camping que inclúe servizos para autocaravanas.
Para a organización ecoloxistas, estas prácticas de turismo incívico “non só causan un grande dano nestes espazos naturais, senón que non achegan nada ás economías locais creando un problema de imaxe para este tipo de destinos e de salubridade para as demais persoas usuarias e veciñanza”. Por iso, esixen un compromiso de todas as administración para tomar de xeito urxente medidas destinadas a por fin a este tipo de ilegalidades.