A IX edición de Os 100 do Barbanza, celebrada os días 22 e 23 de xuño de 2024, consolidou a súa posición como un dos eventos de ultrafondo do panorama nacional. Este ano, o concello de Rianxo foi o anfitrión da proba, que contou con 300 atletas inscritos procedentes de dez comunidades autónomas e sete países.
Foi, polo tanto, a edición máis internacional ata a data, con 11 participantes estranxeiros de lugares tan diversos como Portugal, Alemaña, Colombia, Australia, Italia e Suíza.
Segundo salienta a organización deste evento deportivo no balance da edición 2024, un dos momentos máis rechamantes da edición deste ano foi o comezo, cunha travesía en barco desde o porto de Rianxo ata as históricas Torres de Oeste no concello de Catoira, onde os participantes foron recibidos por unha horda de viquingos e viquingas, “engadindo un toque cultural e emocionante ao inicio da proba”.
No balance tamén se fai saber que 201 atletas lograron completar o esixente percorrido de 100 quilómetros nun tempo máximo de 24 horas, o que representa un 72% de finalización, unha cifra consistente con edicións
anteriores. Ademais, o tempo promedio dos participantes que completaron a proba foi de 18 horas e 17 minutos.
No informe de éxitos da edición 2024 engádese que os 100 do Barbanza “continuou este ano mostrando unha diversidade notábel” en canto a idades e xénero. Así, a persoa máis nova en participar este ano tiña 21 anos, mentres que o participante de maior idade contaba con 78 anos. O galego máis rápido, de 42 anos, completou o percorrido en 10 horas e 28 minutos, mentres que a muller máis rápida, tamén galega e de 54 anos, fíxoo
en 15 horas xustas. O participante que máis tempo empregou, un andaluz de 59 anos, completou a proba en 23 horas e 38 minutos.
O evento, organizado polo Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar (ITBS), consolídase cada vez máis como unha cita imprescindíbel no calendario de ultrafondo en España, atraendo a un número crecente de participantes internacionais e de diversas comunidades autónomas. “A novena edición de Os 100 do Barbanza non só reafirma o éxito da proba, senón que tamén destaca a continua evolución e popularidade deste evento único en Galicia”, destacan dende o club.
Paisaxes únicas
O percorrido de Os 100 do Barbanza combinou diferentes paisaxes da serra do Barbanza, alternando camiños montaña, treitos de praia e vales entre cumios. Ademais, a ruta atravesou vilas, aldeas e lugares emblemáticos. As persoas participantes percorreron enclaves como A Vacariza, Campelo, Portobravo, Noia, Barro, Boa, Portosín, Nebra, O Pozocho, Pozo Negro, As Lobeiras de Abaixo, Os Muiños, Moimenta, A Galea, Beluso, Bealo, A Torre e Rianxo, entre outros núcleos históricos. A proba combinou un esixente desafío deportivo con máis de 3.000 metros de subida acumulada, unha función turística destacando lugares emblemáticos do Barbanza, e un compoñente de divulgación, promovendo o interese polos deportes de resistencia e inspirando novos participantes.
Valoracións e experiencias
A organización salienta tamén no seu balance que a IX edición de Os 100 do Barbanza non só foi un desafío físico, senón tamén “unha experiencia profundamente persoal” para moitos dos participantes. “É moi emocionante, difícil de explicar… Para min é algo incrible todo o que as nosas pernas son capaces de aguantar, grazas á ilusión que se pon en completar a proba”, comentou un participante na enquisa de satisfacción posterior ao evento.
Outra participante, de 40 anos, compartiu que para ela foi “unha experiencia de vida”, explicando que, tras ter superado un cancro, completar a proba foi un reto persoal: “A organización e o voluntariado foron fantásticos”, engadiu.
O Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar (ITBS)
O International Trekkers Barbanza Sar (ITBS) é un club de montañismo integrado por afeccionados das comarcas de Sar (concellos de Padrón, Rois e Dodro) e de Barbanza (concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Lousame, Ribeira e Porto do Son). A entidade foi fundada en 2013 co obxectivo de organizar e xestionar a primeira carreira de ultrafondo de Galicia (100 quilómetros en 24 horas).
O ITBS está conformado por corredores con moita experiencia en probas de ultrafondo, sendo frecuente a súa participación en marchas de 50 quilómetros en Galicia e o norte de Portugal. Ademais, son asiduos á Copa Galega de Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo.