Co Consistorio aínda en obras, o balcón da Sala Museo Municipal de Ribeira estreouse este 31 de xullo como escenario do pregón das Festas de Verán 2024. O rexedor Luís Pérez Barral introduciu o acto dando os saúdos e a benvida ao público e veciñanza para botar unha ollada atrás: “Seguramente calquera de nós lembre os anos de nenez, cando cheos de emoción, camiñabamos entre as atraccións da man dos nosos pais, tíos ou avós”. Fixo referencia tamén a unión, a alegría e celebración, o reencontro con amizades, veciñanza e familiares, tamén falou da variedade do programa de este ano que entre moitas novidades tamén ten ese espazo para a recuperación de tradicións como é a sardiñada que se celebraba no campo da feira e que “agora queremos volver celebra para desfrute de todos e todas”.

No capítulo de novidades, o alcalde tamén explicou que se está a consolidar a franxa sen ruídos para a rapazada neurodiverxente ou con autismo, ao que engadiu: “Queremos que calquera persoa que baixe á festa, sen importar a idade ou a súa condición, atope algo especial que a faga gozar destes días festivos”.
Tamén apelou ao sentimento de orgullo e comunidade que aportan as festas, e rematou dicindo que “somos un concello con moitas potencialidades pero sobre todo un concello unido, cheo de persoas xenerosas, solidarias e cun espírito de superación; por isto este ano, volvemos apostar por poñer en valor á xente da casa porque se temos o mellor do mellor aquí, non temos que ir buscalo fóra!”; para pasar a presentar e dar
paso ao pregoeiro que na súa opinión personaliza eses valores: Víctor Oujo.
O pregoeiro acudiu vestido de roupa de augas, e a súa vestimenta avanzou parte do seu discurso, que comezou deste xeito: “Estou aquí para dar o pistoletazo de saída ás Festas de Ribeira. Para os que non me coñecen, chámome Víctor e son Vimanstyle nas redes sociais. Aínda que agora son asesor de
moda e influencer, as miñas raíces, como as de todos os que somos fillos desta gran cidade chamada Ribeira, están no mar”.

O influencer non esqueceu os seus comezos no mar e recordou como se levantaba todos os días moi cedo para ir aos percebes coa súa familia; e engadiu que sempre leva a Ribeira no corazón, “a nosa querida cidade pesqueira, que sempre viviu do mar”. E engadiu: “E como vedes, levo este traxe de augas como homenaxe ás nosas raíces”.
Despois do recordo, a homenaxe para lembrar a todos os mariñeiros que perderon a vida, especialmente no accidente do Argos Georgia de hai uns días, e a todos aqueles que están traballando fóra e non poden desfrutar das festas. Entre eles, “moitos amigos e familiares”, dixo.
A continuación retomou a senda do humor para pedir ao público “sesenta segundos para cambiar a roupa de augas por un outfit elegante para a ocasión”. Novamente saíu ao balcón cun traxe camel transformado no seu papel de Vimanstyle. Manifestou que cando lle preguntan se sufriu algún tipo de acoso por parte da xente por vestir dunha forma diferente, sempre contesta “que nunca, todo o contrario; Ribeira é unha gran familia e a xente sinte orgullo vendo como os seus triunfan e loitan por facerse un oco nesta sociedade”. Despois de enumerar as diversas bondades de Ribeira e as súas festas, Victor Oujo agradeceu ao alcalde, concelleiros, público e seguidores das redes sociais polo apoio e pola súa confianza.
Non quixo rematar sen deixar a súa marca da casa lanzando un sombreiro ao público.



