A plataforma Stop Deshaucios Barbanza está estes días de aniversario (quince anos de traballo), o que pode ser unha boa nova, polo moito que ten axudado a plataforma na loita contra a marea especuladora e perigosamente lucrativa que ameaza con deixar sen alternativa habitacional a centos de familias da nosa comarca, ou tamén unha nova non tan boa, por ser aínda necesaria, malia o moito que temos avanzado noutros asuntos sociais, a súa presenza. Sexa como sexa, o colectivo segue a dar guerra, no bo sentido, tal e como nos lembra o seu coordinador, o ribeirense José Manuel Pena, colaborador habitual deste medio de comunicación.
Segundo apunta, “xa son máis de quince anos de loita constante e compromiso coas familias en risco e humildes do Barbanza e doutras contornas xeográficas para axudar a garantirlles o dereito á vivenda”. Ao longo destes tres lustros de andaina producíronse avances, sinala, pero tamén recoñece que “non son suficientes”. Para evitar que siga sendo tan necesaria esta loita, di, cómpre facer cousas urxentes como blindar o dereito á vivenda habitual, “aquela na que residen a persoa ou familia… ningunha persoa ten que vivir na rúa de maneira voluntaria”.
Segundo nos conta Pena, a vivenda ten que ser un dereito garantido, “como o é a saúde, a educación, a dependencia, as pensións, as prestacións por desemprego, etc”.
Actualmente a Plataforma Stop Deshaucios segue a loitar contra as vivendas baleiras (unha cuestión da que sabemos moito no Barbanza: son incontábeis os grupos de pisos de índole turística ou residencial que quedaron sen ocupar logo da burbulla inmobiliaria nas nosas vilas, algúns deles practicamente rematados e que requirirían un mínimo esforzo para converterse en recursos de utilidade e non en pantasmas urbanísticos que afean a paisaxe), contra os fondos voitre, contra as masificacións das vivendas turísticas e en favor do regulamento dos prezos dos alugueiros e o cumprimento da alternativa habitacional para familias vulnerábeis. “Seguiremos traballando para alentar a valentía política no cumprimento e o desenvolvemento da Lei de Vivenda”, recoñece Pena.
Sabiamos que nolo ían agradecer moi poucos pero nada nos importaba. Era algo que nos ditaba o corazón. Non podiamos quedar impasibles ante tanta inxustiza, nunha zona onde a apatía e o egocentrismo campa ás súas anchas. O que lles importa á maioría das persoas do lugar é o seu propio benestar. Non son conscientes de que o benestar xeral é a mellor maneira de asegurar o futuro.
Nestes quince anos de arduo traballo, constante e altruísta, conseguimos máis que calquera administración pública. Presión, sensibilización, mobilización, diálogo, oposicións xudiciais, contactos e entrevistas en despachos oficiais e o máis importante, evitar que decenas e decenas de familias humildes perdesen a súa ben máis prezado: a vivenda habitual.
En moitas ocasións as horas do día non eran suficientes para pechar acordos con entidades financeiras, para suspender a toma de posesión de propiedades, para evitar as poxas públicas, para darlle un forte abrazo a unha familia destruída moralmente, para enfrontarnos ao gobernarte de quenda, ao funcionario que estaba tralo mostrador facendo gala do “volva vostede mañá”. Foi unha loita difícil, na que poucos apostaron e que agora todos parecen recoñecer que era xusta e necesaria.
Ao longo de todo este tempo coñecemos a moita xente comprometida, a moitos profesionais (avogados, economistas, psicólogos, empresarios…) envorcados coa xustiza social, a uns poucos políticos sensíbeis coa realidade social, a uns canto gobernantes que recoñecían a nosa necesaria presencia pero que sempre nos daban as costas, nos últimos momentos. Crían que tiñamos intereses políticos, iso é o que nos demostraron case sempre. O tempo puxo a cada un no seu sitio.
Algún gobernante defendía aos funcionarios, a calquera prezo, sen importarlles as críticas construtivas que lles faciamos chegar, para mellorar os servizos de atención ás familias e na xestión dos procedementos. Non querían saber nada cando lles suxeriamos que había outra maneira de gobernar e traballar. Incluso algúns funcionarios xudiciais, do departamento dos servizos sociais ou da Xunta de Galicia tomábannos como “inimigos públicos” cando o único que pretendiamos, con total humildade, era aliviar o seu traballo e conseguir que os gobernantes fosen conscientes dunha realidade que non se podía ocultar por máis tempo.
A pesar de todo, as familias de ambas as marxes da ría de Arousa e fóra dela, continúan acudindo aínda que en menor número, á Plataforma “Stop Deshaucios” cando se senten soas, desamparadas ou inxustamente tratadas polas administracións públicas. Nós seguiremos loitando, mentres a saúde nolo permita e a ilusión non nos abandone. Grazas a tod@s e, por desgraza, queda moito traballo.