A deputada Rosana Pérez vén de rexistrar unha iniciativa para esixir ao PP que “cumpra o acordo unánime do pasado 7 de maio no Parlamento” e “convoque de xeito urxente as axudas directas comprometidas ás mariscadoras e os mariscadores que sofren as consecuencias da perda continuada de produtividade nas rías galegas”. Ademais, reclama que “de maneira prioritaria sexan investidas nestas axudas os case 21’5 millóns de euros que a Consellería do Mar deixou sen executar en 2023 para manter unhas rendas dignas e evitar a expulsión de máis xente do marisqueo”.
E engadiu: “A situación é desesperada. Hai mariscadoras que xa abandonaron a actividade, outras que levan sen ingresos desde o mes de decembro, outras obrigadas a volver ás praias onde os topes son mínimos pola escaseza de recurso e outras que non teñen ningunha axuda por non teren acumulado o tempo para poder cobralas”.
A portavoz de Mar do BNG explicou que o acordo aprobado por unanimidade dos grupos da Cámara insta á Xunta, literalmente, a “elaborar e poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro, e que contemple cando menos axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade”.
Agora, dixo, “cando se van cumprir xa dous meses dende que o acordo foi aprobado, vemos como a situación das mariscadoras e mariscadores é, non igual que daquela, senón moito peor, sendo a única contribución que levan recibido da Administración galega dende o mes de outubro unha axuda de 550 euros que apenas foi abonada a 4.000 dun total de 7.000 profesionais”.
Denuncia ademais que” as axudas con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) foron convocadas aínda no mes de maio e só para a paralización da actividade a frote nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, nos do Plan de xestión da Confraría de Noia e no específico conxunto, tamén a frote, das zonas de libre marisqueo das Confrarías de Pontevedra, Lourizán, Raxó, Sanxenxo e Marín”.
Pérez laiouse tamén de que persoas afectadas “tardarán aínda meses en cobrar”, e destacou que “a situación é aínda peor para os afectados do marisqueo a frote e, sobre todo, para a totalidade dos traballadores e das traballadoras do marisqueo a pé porque, para estes colectivos, as axudas seguen sen convocarse a esta altura do ano”.




