A vila de Rianxo recibiu na mañá deste 15 de xullo a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, que presentou os investimentos do Plan Único da Deputación na localidade. Trátase dunha contía de 1.120.240,19 € sumando os 525.152,39 € e os 595.087,80 € adicionais. Acompañada do alcalde, Julián Bustelo, e parte da Corporación municipal, a deputada aproveitou tamén para visitar algunhas das obras financiadas co plan, por exemplo o cambio de luminarias no paseo costeiro.

Tamén lembrou que o Plan Único está destinado ao financiamento de obras e servizos municipais, e “permite aos concellos xestionar os fondos da Deputación con autonomía en función das súas prioridades, en beneficio da súa veciñanza”.
No caso de Rianxo, engadiu, “estase apostando por proxectos de mellora do ciclo da auga, tanto de abastecemento como de saneamento, e tamén de iluminación e mellora de eficiencia enerxética, fundamentais para un concello como este”.

Pola súa parte, o alcalde, Julián Bustelo, agradeceu “o compromiso da Deputación para dotar a concellos de fondos nun momento no que aumentou o gasto corrente, e no que cada vez se nos carga de máis competencias”, e salientou a importancia do Plan Único para os concellos, “sen el non poderiamos levar a cabo investimentos como este, do cambio de luminarias no paseo marítimo”.
O importe destinado ao concello de Rianxo forma parte do total destinado á comarca de Barbanza (Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira), que alcanza os 6.035.023€, e tamén dos 100,5 m€ que se invisten, en total, nos 93 concellos da provincia da Coruña.




