O Festival Abanea celebrará entre o 17 e o 21 de xullo a súa terceira edición cun programa de danza e artes do movemento que distribuirá 16 funcións de 10 compañías entre os concellos de Foz, Outes, Ames, Marín e Allariz co apoio da Xunta. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias e farao coa colaboración das localidades participantes e a través dun convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia na presentación do programa do Abanea 2024 xunto a unha das directoras do festival, Marta Alonso Tejada, e representantes institucionais dos concellos implicados. A viguesa María de Vicente actuou durante o acto en calidade de bailarina seleccionada este ano no programa bienal do festival polo que se apoian procesos de creación de artistas emerxentes. A intérprete, que forma parte do elenco de Dique, o novo espectáculo da compañía Nova Galega de Danza, creará agora unha peza para un espazo non convencional que se estreará no Abanea de 2025.

Abanea 2024 desenvolverase entre o 17 e o 21 de xullo cun programa que se espalla por espazos diversos e singulares de todo o territorio galego, levando pezas de non máis de 20 minutos de duración, de base contemporánea, que dialogan con outros estilos como as danzas urbanas ou o ballet clásico, con temáticas que xiran arredor dos soños, da dureza ou fraxilidade dos corpos, da identidade, do trauma ou do amor, creadas, producidas e interpretadas por profesionais de Galicia, México, Portugal, Madrid, Cataluña, Andalucía e Euskadi.
Foz marcará o inicio desta terceira edición de Abanea o 17 de xullo, coa exhibición na contorna do paseo da Rapadoira das pezas Ollos cara adentro, da compañía Ixa (Galicia-Euskadi); SunDogs, creada polo colectivo La Incendiaria (Galicia-Euskadi) dentro do apoio bienal do festival da edición de 2022; e Ior, da compañía Marc Fernández (Cataluña). A actividade na vila lucense complétase con dous obradoiros no Centro de Interpretación da Mariña: Danza en familia, dirixido por Alejandra Balboa, e A danza como lugar de recreo, con Yeinner Chicas, que se repetirán en todas as localidades implicadas, ao igual que o colofón da xornada, sempre co obradoiro-espectáculo A pista de baile, unha decidida aposta pola mediación de públicos facendo un convite libre á danza a través do encontro creativo entre a bailarina Marta Alonso Tejada e o DJ Set de Mounqup.
O 18 de xullo Abanea trasládase ao Espazo Museístico da Carpintaría da Ribeira de Broña, en Outes, para amosar ao público La declamación muda, de Melania Olcina (Madrid), Premio Nacional de Danza 2023 e Drauma, de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México-Portugal), gañadoras do certame de creación Sólodos en Danza de Costa Rica con esta peza. Tamén se presentará o espectáculo Os ollos cara adentro.
Ames recibirá o festival o venres 19 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se estreará a peza Pensar a contratempo, de Suevia Rojo (Galicia-Portugal), creada ao abeiro do apoio bienal da pasada edición. Tamén se presentarán Clinch, de Ángel Durán Performing Arts (Cataluña), e a citada Drauma.
O sábado 20 a proposta trasládase a Marín, onde a contorna da praia de Portocelo acollerá unha programación de espectáculos na que repiten Drauma e Pensar a contratempo, e aos que se suma a produción Ven, coa que a consolidada compañía galega La Macana ten realizado xiras por máis de 30 países desde a súa estrea.
Finalmente, Allariz pecha o percorrido desta terceira edición de Abanea o 21 de xullo coa creación do Colectivo Premohs (Andalucía) que presenta En cuclillas na praza do Matadoiro, onde tamén poderá verse a peza Pensar a contratempo unha versión diferente de A pista de baile, nesta ocasión coa colaboración de Bigsouth- música e baile swing.



