O Partido Socialista de Rianxo (PSdeG) lanzou un comunicado no que informa á veciñanza da súa previsión de voto favorábel no próximo pleno para a modificación de crédito por un importe de aproximadamente 23.000 euros. “Esta modificación permitirá realizar melloras significativas en instalacións deportivas e educativas, así como nas dependencias municipais”, sinala o grupo, engadindo que con esta decisión “cumprimos de forma estrita cos acordos alcanzados co grupo de Rianxo en Común (ReC), facilitando a aprobación deste punto no vindeiro pleno”.
Entre as melloras incluídas atópase un punto crucial para socialistas, e que “permite desbloquear así a aprobación desta modificación de crédito”. Trátase da mellora da seguridade no Pavillón Polideportivo Municipal Chema Abuín.

Por outra banda, os socialistas insisten no compromiso do alcalde Julian Bustelo de xustificar o investimento de 3.000 euros no Proxecto Educativo Sintaxe e de “garantir un pacto orzamentario que asegure os fondos necesarios para toda a lexislatura, permitindo así a viabilidade deste proxecto educativo”.
E engaden: “O noso sentido de responsabilidade e compromiso con Rianxo lévanos a apoiar medidas que beneficien á nosa veciñanza e aseguren a correcta utilización dos recursos públicos”.
Para o grupo, esta modificación de crédito é “un exemplo claro do compromiso do PSOE local co concello”, xa que “as melloras nas instalacións deportivas e educativas terán un impacto directo na calidade de vida dos nosos veciños, ofrecéndolles espazos seguros e adecuados para o seu desenvolvemento persoal e social”.
No comunicado tamén fan comparten o seu desexo de que “a rigorosidade do noso grupo municipal” sexa recíproca e “poidamos seguir apostando por acordos futuros, que de seguro mellorarán a vida dos noso veciños e veciñas”. Este compromiso de “colaboración e diálogo é esencial para avanzar en dirección á mellora continua de Rianxo”, sinalan.



