A concelleira de Cultura, Antía Alberte xunto cos técnicos de turismo, Sara García e Unai García, e presentaron a programación cultural para os meses de xullo, agosto e setembro baixo o epígrafe Lecer na Ribeira. A axenda contará con preto dunha trintena de espectáculos e actividades durante a época estival, gratuítas e abertas a toda a cidadanía, e para as cales son contou coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, ou da Xunta de Galicia mediante inicaitivas como Cultura no Camiño.

O programa deste ano reúne concertos, actuacións cómicas, novo circo, exposicións, cine ao aire libre, contacontos, maxia, danza contemporánea e un longo etcétera, que chegarán non só a Ribeira senón tamén a distintos lugares das parroquias do municipio.
As accións comezarán o vindeiro sábado 6 de xullo: a media mañá inaugurarase Centro Cultural Lustres Rivas da exposición Manuel Ayaso Único. Retrospectiva dun xenio, unha mostra en lembranza do Fillo Predilecto do Concello un ano despois do seu falecemento e que permite explorar a auténtica orixinalidade do seu estilo e do seu simbolismo, combinando pezas da súa época de estudante ata practicamente a actualidade deixando de manifesto as distintas técnicas por el traballadas, dende a figuración, o muralismo, o gravado ou o debuxo ata a súa adorada punta de prata.
Cultura de Ribeira tamén traballa (en colaboración coa ReI da Dorna,) nunha exposición fotográfica sobre a festa máis senlleira de Ribeira, que se situará ao ar libre na praza de España; inaugurarase o venres 12 de xullo ás 13:00 h e permanecerá ata finais de mes.
E na tarde do sábado 6 Santa Uxía acollerá unha das actuacións inaugurais do novo auditorio, a xa anunciada Gala de Novo Circo Galego, que será ás oito da tarde con recollida de entradas dende unha hora antes nas instalacións. Nesta gala, que estará presentada pola artista e influencer Corina Mañá, actuarán a compañía Desastrounauts, o malabarista Isla Le Triska e os artistas cómicos Fran Rei e Félix Rodríguez.
Ao día seguinte, domingo 7 de xullo, serán as entidades Alfaia e a Orquestra Sons as protagonistas, con cadansúas actuacións, a de Alfaia co seu festival de baile moderno, e a Orquestra Sons cun concerto benéfico para recadar fondos para a asociación Ágape.
A axenda tamén inclúe cinema ao aire libre, que nesta ocasión farase en Corrubedo, no aparcadoiro grande, o venres 12 de xullo e onde se proxectará o filme familiar de produción galega Salta ás dez e media da noite.
As disciplinas de circo, acrobacias, maxia e monicreques tamén terán o seu oco neste programa coas actuacións para o público familiar na praza de Porta do Sol da compañía Inventi teatro, o mago Charlangas, Títeres Cachirulo, Enricco O feiticeiro, a compañía Pedras de Cartón co seu espectáculo sobre Moby Dick, ou o mago Joshua Kenneth.
Haberá tamén música e danza nesta programación, por exemplo co festival de Alfaia, pero tamén terá lugar coa gala do 21 aniversario de El Tomasón, o festival Salsa na Rúa, o concerto do coro Airiños da Casa de Galicia en Nova Iorque xunto coas Cantareiras de Amas de Casa (que actuará o 25 de xullo- Día de Galicia), ou o novo espectáculo de danza da compañía de Fran Sieira titulado Ceibe e que se fará no novo auditorio o día 30 de agosto. E non faltará tampouco a terceira edición da Feira do Vinilo prevista para o 10 de agosto.
Xa en setembro achegarase a terceira edición do Festival Etal Equal impulsado pola Asociación Ribeira Crea, cunha nova edición da exposición colectiva Camiño da Arte ademais da Ruada do traxe tradicional de Aires de Dorna e unha nova edición da exposición colectiva Camiño da Arte.
O programa poderase consultar na web municipal (www.ribeira.gal) e nas redes sociais así como nun cadríptico que edita área de Cultura e que será distribuído polas oficinas de turismo, o Centro
Cultural Lustres Rivas e outros lugares destacados. Ademais poderase ir completando con outros eventos e espectáculos que se irán anunciando no seu momento.




