Este 17 de xullo presentouse en Ribeira unha cita moi especial para Santa Uxía e o concello: o concerto do Día Nacional de Galicia que se celebra o vindeiro 25 de xullo no novo Auditorio Municipal ás 21:00 horas. Trátase dunha actuación de gran significado e alcance, porque afianzará as ligazóns de irmandade entre as dúas beiras do atlántico: entre a Casa de Galicia en Nova York e as Amas de Casa de Ribeira. Na presentación acudiron a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a presidenta das Amas de Casa de Ribeira, Puri Cores. Segundo informaron, o concerto será de balde e a entrada establecerase por orde de chegada. Abriranse as portas do Auditorio con media hora de antelación.
A edil de Cultura convidou a toda a veciñanza e manifestou que o concerto argallouse por “unha proposta veciñal e que mellor que enmarcalo no Día Nacional de Galicia nun acto de irmandade e de encontro”. Tamén sinalou que é un orgullo que as Cantareiras das Amas de Casa actúen por primeira vez no novo Auditorio e engadiu que “dende o Goberno temos como prioridade satisfacer as peticións de todas as entidades culturais locais en prol de mostrar á veciñanza o rico tecido cultural que ten Ribeira”.
Por outra banda, Puri Cores indicou que este acto lle toca de cheo, xa que viviu en Nova York uns anos e tamén puxo en valor ás Cantareiras das Amas de Casa, que é un grupo que comezou a súa dilatada traxectoria con Magdalena Bringas. Cores fixo un chamamento á veciñanza para acudir a esta relevante proposta cultural. Engadiu que “é unha cita moi propicia para o día 25 de xullo, Día de Galicia, e que mellor que conmemoralo asistindo a este concerto de irmandade”. Tamén agradeceu á Concellería de Cultura e ao Concello de Ribeira o apoio e amosou a súa disposición de colaboración en vindeiras ocasións.




