A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago (USC) acaban de
asinar un protocolo xeral que buscará promover e fomentar o achegamento entre as
culturas galega e árabes, mediterráneas e hispanoamericanas con especial atención ao
establecemento de foros e espazos para a reflexión intercultural. A colaboración
desenvolverase en base a iniciativas nos campos das expresións culturais, actividades
formativas e de divulgación e sensibilización social da cidadanía e da comunidade
universitaria. O acordo queda recollido nun documento asinado este xoves entre o reitor
Antonio López e o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber
Martínez.
A partir dunha vixencia inicial de catro anos, este protocolo xeral contempla o apoio mutuo
na organización de proxectos e actividades culturais de diversa índole como os ciclos de
cinema; a literatura; exposicións de artes plásticas, escultóricas ou audiovisuais; concertos;
obras teatrais; e outras expresións artísticas.
Ademais, a colaboración estenderase a proxectos específicos como a programación das
Faíscas Culturais, iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que se sitúan na
intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística, ou ao
Festival de Cine Euroárabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney.
O desenvolvemento deste protocolo tamén inclúe a posibilidade de crear unha cátedra
institucional da USC coa finalidade última de levar a cabo actividades de formación, creación
cultural e artística, promoción da investigación e innovación, desenvolvemento tecnolóxico,
así como a divulgación e transferencia de coñecementos no eido da xestión cultural e dos
estudos interculturais. Co documento asinado, séntanse igualmente as bases para o
desenvolvemento conxunto de actividades de fomento do debate e a reflexión sobre temas
de interese social ou o reforzo de novos convenios de prácticas para o estudantado, así
como outras actividades análogas de carácter formativo.
Gabinete de Comunicación do Grupo Araguaney/ Eva Fernández/ 981554407_698137890/ eva@vialactea.es
A colaboración e a cooperación entre ambas institucións tense dado de forma continua e
intensa dende o nacemento da Fundación Araguaney hai mais de corenta anos. Unha mostra
recente desta frutífera relación foi a proxección da película xordana Farha, no salón de actos
da Facultade de Filosofía da USC, o pasado mes de maio, con motivo da conmemoración do
76 aniversario da Nakba palestina; ou a visita en xuño a Santiago do profesor emérito da
Universidade Católica de Lovaina, Bichara Khader, que viviu o seu momento cumio na
presentación da tradución ao galego do ensaio Palestina: A traxedia permanente (1948-
2024). Unha chamada para espertar Europa no Paraninfo da Facultade de Historia e
Xeografía da USC.
Actualmente, as dúas entidades xa traballan conxuntamente en novas propostas que terán
lugar nos vindeiros meses coma un seminario académico, acollido pola Facultade de Dereito
da USC, sobre a análise do conflito palestino-israelí dende o punto de vista do dereito
internacional público ou a inauguración dunha exposición de foto-xornalismo multi-formato
no espazo expositivo da Igrexa da Universidade.