Por sexto ano, Rianxo celebra o festival Rianclown que, unha vez máis, encadrarase dentro da programación das Festas do Carme da vila. Na edición deste ano, o cartel está formado por Peter Punk Pallaso, Cris Collazo, Os Jalochos e Antúan de la Cream. Ao longo dos 4 días de programación na Praciña, o público poderá coñecer as propostas das compañías.
O festival dará comezo o venres 12 ás 20:30 horas na Praciña; Peter Punk Pallaso será o encargado de inaugurar esta sexta edición na que presentará Con Lingua Propia, o seu novo espectáculo no que o pallaso máis irreverente do país combinará as máis variadas técnicas circenses con de xogos de palabras e concursos lingüísticos para poñer a lingua en escena e ao público en acción.

Cris Collazo é a encargada de coller o relevo o sábado 13 ás 12:00 horas co seu espectáculo Pepa a Loba, no que música, danza, natureza e un tesouro conflúen neste contacontos interactivo e cheo de enerxía.

O domingo 14 ás 12:00 horas a compañía ribeirense Os Jalochos formada por Sabela Olivares e Suso Bello, porán a nota musical ao festival co seu espectáculo A Landra Viaxeira e o amigo Lambón, para que o público baile e cante en galego, e en lingua de signos.

O broche final chegará o martes 16 ás 12:00 horas coa compañía Antuán de la Cream, cunha proposta chea de enerxía que procurará e, de seguro, conseguirá a gargallada de toda a xente.

A Asociación Virxe do Carme de Rianxo é a encargada de organizar esta cita, en colaboración co Concello de Rianxo, a Deputación da Coruña, e o asesoramento da cooperativa de artistas Charlatana.
Programación completa
• Venres 12 de xullo ás 20:00h _ PETER PUNK PALLASO.
• Sábado 13 de xullo ás 12:00h _ CRIS COLLAZO.
• Domingo 14 de xullo ás 12:00h _ OS JALOCHOS.
• Martes 16 de xullo ás 12:00h _ ANTUÁN DE LA CREAM.
Lugar: A Praciña (Rianxo)



