
Oceanic Arousa Tours realiza unha serie de rutas do mexillón para dar a coñecer o proceso de extracción do produto e potenciar o valor turístico e gastronómico. A concelleira de Cultura e Turismo, María Outeiral; xunto con Jesús Places, de Oceanic Arousa Tours, e Douglas Feijoo, de O Faro, deron a coñecer a actividade.
Trátase dunha serie de rutas en barco con degustación que saen do Náutico de Barraña para coñecer como é o proceso extractivo do mexillón.
“O mexillón é un dos nosos principais recursos e ten un gran potencial turístico que é importante dar a coñecer entre visitantes e tamén veciños e veciñas”, afirmou María Outeiral.
Estas rutas xa se realizaban antes da pandemia e consiste en visitar unha batea para explicar como o proceso completo de cultivo do mexillón.
“A ruta busca poñer en valor o noso produto local e darlle visibilidade cun valor engadido que é a degustación final”, afirmou Jesús Places.
A degustación realizase no Náutico de Barraña e ten como finalidade dar a coñecer o produto nas súas distintas formas e preparacións.
“Ademais do mexillón ao vapor tamén elaboraremos vinagretas, mexillón tigre… e outras variedades de todo o que se pode facer co noso principal produto da ría”, recoñeceu Douglas Feijoo.
Máis información e inscricións na Oficina de Turismo de Boiro ou na web www.oceanicarousa.com ou o teléfono 648 45 81 16.



