Xapón e Galicia estreitaron este 23 de xullo, na véspera do noso Día Nacional, os seus vencellos. Fixérono coa vista posta no sol e celebrando a través das novas tecnoloxías a cuase coincidencia do solpor en Fisterra co amencer en Nachikatsuura. Na celebración participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, a alcaldesa de Fisterra, Aúrea Domínguez, e o físico e catedrático da USC, Jorge Mira, xunto con representantes de moitos concellos da Costa da Morte. A cita (galega) foi este martes polo serán no cabo de Fisterra, onde se estableceu unha conexión directa con Xapón a través da cal retransmitiuse online o último solpor da Europa continental e o amencer na localidade xaponesa de Nachikatsuura, un fenómeno que se produce de forma simultánea só catro días ao ano.
A 10.000 quilómetros de distancia, as autoridades xaponesas, entre elas o alcalde de Nachikatsuura, Hori Junichiro, o gobernador da prefectura de Wakayama, Shuhei Kishimoto, ou os representantes da embaixada de España en Xapón seguiron tamén en directo o acto a través da emisión online, en aberto para todo o mundo.
Deste xeito, mentres o sol se mergullaba lentamente no horizonte do Océano Atlántico, ás 22.00 horas, na localidade xaponesa despuntaban xa as primeiras luces do alba ás 5.00 horas do día 24 de xullo.
“Hoxe é un día moi especial no que Galicia e Xapón, o Finisterrae da vella Europa e o país no sol nacente quedan unidas polo mesmo sol, un fenómeno único que gardaremos na nosa memoria”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que destacou que “a maxia do solpor en Fisterra segue fascinando á humanidade como o facía hai dous mil anos” e grazas a esta iniciativa “nos conecta con Nachikatsuura para ver de maneira simultánea o espectacular amencer xaponés”.
O presidente agradeceu ao físico e catedrático Jorge Mira o seu traballo e implicación nesta iniciativa, que parte dun estudo seu, así como ao departamento de Turismo da Deputación que dirixe o vicepresidente Xosé Regueira, ao Concello de Fisterra, e moi especialmente ás autoridades xaponesas que participaron activamente e cunha gran implicación na coordinación dun evento que espertou gran interese en ambos países.
Ademais desta curiosa conexión a través do sol, as localidades de Fisterra e Nachikatsuura comparten a súa condición de seren extremos de dúas rutas de peregrinación declaradas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: o Kumano Kodo – Camiño de Kumano – e o Camiño de Santiago de Compostela.