Partindo da base de que os incendios forestais arrasaron en Galicia un total de 84.454 hectáreas nos últimos cinco anos, Properdis impulsou no último ano o proxecto ENCE PRO-INTEGRA, unha iniciativa dirixida a realizar labores silvícolas nos montes e parcelas rurais dos concellos de Pontevedra, Poio e Marín co fin de diminuír o risco de incendios forestais na zona. Ao abeiro desta iniciativa, que conta co apoio do Plan Social ENCE Pontevedra, as Ecobrigadas da asociación barbanzá Amicos traballaron sobre un total de oito hectáreas.
Así, estes equipos achegáronse á zona para realizar labores silvícolas en masas de piñeiro e eucalipto no Monte Veciñal en Man Común de San Xoán de Poio. Asemade, realizáronse labores de limpeza e roza de camiños para establecer unha faixas de seguridade a fin de conter un posíbel lume.
Outro dos obxectivos do programa foi a sensibilización da poboación, co obxectivo de “concienciar sobre a importancia de aplicar medidas de prevención de incendios forestais, así como a grave repercusión que teñen os mesmos na destrución dos hábitats naturais do planeta”. Para iso, realizáronse distintas xornadas dirixidas a escolares nas que se puxo o foco na importancia da conservación do medio a través da prevención. Unha destas sesións foi a realizada en xuño no CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra, na que os cativos e cativas realizaron distintos xogos nos que viron o impacto do destrución das zonas boscosas no noso planeta.
As persoas con discapacidade como axentes medioambientais
O grupo Amicos leva a cabo distintos programas de protección e sensibilización do medio ambiente, todos eles conducidos por persoas con discapacidade intelectual, co fin de apoialos na súa integración laboral e social ao tempo que se realizan accións medioambientais. As Ecobrigadas son equipos multidisciplinares cualificados especializados nos sectores forestal, de xardinería, obras e servizos de bedelería. As distintas brigadas pertencen á empresa de inserción laboral Properdis, do grupo Amicos, que ten como obxectivo xerar oportunidades laborais para as persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social.