A Pobra saca á luz parte do seu pasado coa prospección arqueolóxica da Corte do Santo

19 Xullo 2024

A prospección arqueolóxica na Corte do Santo concluíu este venres 19 de xullo tras unha semana de traballo no terreo, en plena serra do Barbanza, nun meandro do río Pedras, promovida pola Concellaría do Patrimonio da Pobra do Caramiñal en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Un equipo arqueolóxico conformado polo Laboratorio de Arqueoloxía Medieval da USC estivo facendo unha sondaxe valorativa na área mediante unha escavación.

Ademais de parte dunha estrutura de grandes dimensións con muros graníticos de 90 centímetros de grosor e varios metros de longo, acháronse anacos de cerámica e lousa. Esta última chamou especialmente a atención, como apuntou o investigador Mario Ramos, “pois esta rocha non é propia destas latitudes”. Tamén asegurou que a comunidade que habitaba esta zona marchou a conciencia, non de maneira fortuíta, debido á escaseza de vestixios materiais: “Colleron todo o que tiñan e marcharon”.

Salientou que “este sitio é máis complexo do que parece” porque a xente aí instalada tiña nocións básicas de cantería e construción e tampouco se desbota a existencia dunha pequena presa no río para a captación de auga doce ou troitas. Ramos capitaneou esta intervención que conta coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos e co financiamento tanto do Concello da Pobra do Caramiñal como do proxecto ECOLOC dirixido polo profesor da universidade compostelá, José Carlos Sánchez Pardo, con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

A hipótese inicial era existencia dun posible eremitorio datado de entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media, pero agora ábrense outras liñas, como algún vínculo coa gandería en tempos remotos. E tamén hai que avaliar a relación da construción coa súa paisaxe máis inmediata. Toca agardar aos resultados das probas para coñecer máis polo miúdo sobre este característico xacemento e establecelo correctamente na liña cronolóxica. E os datos revelaranse a finais do mes de setembro, nunha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, se ben a xente xa tivo ocasión de coñece-las tarefas neste anaco da serra en formato de visita guiada na tarde do 18 de xullo.

Segundo avanzou o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, non se desbota emprender unha segunda campaña arqueolóxica para saber os segredos que agocha este lugar, pois esta primeira fase revelou “uns resultados moi interesantes, moi ilusionantes.”

“Na Pobra do Caramiñal estamos comprometidos co coidado, investigación e divulgación do noso patrimonio material e inmaterial. Este tipo de accións contribúen a enriquecer o coñecemento sobre o noso pasado”, remarcou. O rexedor tamén fixo fincapé en que se están dando importantes avances en materia patrimonial, promovendo por primeira vez a nivel municipal prospeccións destas características na localidade e tamén adquirindo bens. A Administración local incorporou a inicios do 2024 a Casa da Cadea ao catálogo de patrimonio público e, actualmente, atópase dando importantes avances para a adquisición da finca do Castro da Croa.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.