A Casa-Museo de Rosalía de Castro celebrou este 15 de xullo o 139 cabodano do pasamento da poeta. Fíxoo cun acto institucional no que se entregou a Rosa de Galicia á rosalianista británica Catherine Davies. O acto rematou cun concerto-conferencia de Abraham Cupeiro.
O acto abriuse cunha introdución á figura de Catherine Davies a cargo do presidente da Fundación Rosalía, o dodrense Anxo Angueira, seguida polo discurso da investigadora e profesora distinguida, ao que seguiron breves intervencións da deputada de Igualdade e Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; do secretario xeral de Lingua, Valentín García; e do alcalde de Padrón, Anxo Arca.
No capítulo de intervencións institucionais, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou “o grande interese que esperta a obra a figura de Rosalía de Castro a nivel internacional, sendo estudada máis alá das nosas fronteiras”, en referencia á entrega da Rosa de Galicia á investigadora británica Catherine Davies.
A Fundación Rosalía de Castro distinguiu con esta insignia de ouro á profesora emérita da Universidade de Londres e grande defensora do legado rosaliano. Un recoñecemento que loou Valentín García polo seu gran traballo, dixo, “na análise de aspectos pouco tratados na obra de Rosalía” e como artífice, engadiu, “dunha das investigacións máis importantes para o coñecemento da escritora nos nosos días”, en alusión á publicación Rosalía de Castro e o seu tempo.
A velada contou cun concerto-conferencia de Abraham Cupeiro, unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro) e, ademais, impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega, a corna.
Estiveron tamén presentes a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros persoeiros da cultura e da política.
A Rosa de Galicia é unha insignia que concede a Fundación Rosalía de Castro a persoas ou institucións que “se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do legado rosaliano”.
Catherine Davies é profesora emérita da Universidade de Londres. A súa carreira académica levouna ás universidades de St Andrews, Manchester, Nottingham e Queen Mary.




