O Concello de Outes vén de presentar as actividades que desenvolverá a través da participación no Festival de Narración Oral Atlántica ao longo do mes de xullo. Os detalles das accións previstas foron dadas a coñecer pola narradora Sole Felloza, directora do festival, e polo tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Anxo Núñez. Levaranse a cabo no Espazo Museístico da Carpintaría de ribeira en Broña e máis na Terraza do Náutico do Freixo.
O Festival Atlántica celebra este ano a duodécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 7 de xullo, con actuacións na nosa comarca: en Dodro, Outes, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

Polo que se refire a Outes, estas son as actuacións previstas:
Sábado 6 de xullo
20.30 h – CONTOS DE XAPÓN
Yoshi Hioki (Xapón)
Espazo Museístico da Carpintaría de ribeira en Broña (Outes)
Narrador residente en Barcelona desde 1991, Yoshi Hioki dedícase a contar contos populares, mitos, lendas e historias literarias de todos os tempos do seu país, Xapón. Cunha traxectoria profesional de máis de vinte anos, foi convidado aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais e presentou os seus espectáculos en lugares como o Teatro Español de Madrid, o Teatro Nacional de Costa Rica, o Teatro Peruano Xaponés de Lima (Perú), etc. Licenciado na facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona, Yoshi Hioki sinte como complementarias as súas actividades narrativas e pictóricas: “Neve, choiva e unha flor de camelia. . . Os contos xaponeses son pinturas feitas polas palabras e o silencio. Pinturas que reflicten a ledicia e a tristura da vida mesma”.
O espectáculo: Dos arrozais á corte imperial, de animais, de monstros, de deuses. . . estes contos e lendas do país do sol nacente contados polo narrador Yoshi Hioki producirán un lene murmurio no corazón de quen os escoite como a música dunha delicada choiva caendo sobre un bosque de bambú.
Adultos | Castelán
Sábado 13 de xullo
20.30 h – IDA E VOLTA
En branca e negra [Cris de Caldas (Galicia) e Amor Herrera (Cuba)]
Terraza do Náutico no Freixo
Adultos | Galego
Cris de Caldas naceu entre os contos que lle contaba a súa avoa Carmela. Tanto conto lle arrolou que quixo saber máis deles e non lle quedou outra que estudar filoloxía, pero iso non foi suficiente e preparouse para ser bibliotecaria. Na actualidade, compaxina a súa profesión coa súa faceta de narradora. Conta para todo tipo de público, para quen non ten nin un ano de idade e para que pasa dos cen. Só se precisa orellas para escoitar, corazón para deixarse emocionar e boca para sorrir. Se sabes escoitar, ela ten un conto para ti.
A música Amor Herrera formou parte durante varios anos da afamada Orquesta Anacaona de Cuba coa que gravou varios discos, documentais e realizou xiras por máis de 30 países participando en prestixiosos festivais internacionais. No ano 2001 trasládase a vivir a Galicia integrando diferentes formacións musicais de renome. Tamén é cantante, escritora, locutora de radio e produtora.
O espectáculo: Cris, galega e branca coma o leite, é narradora oral. Amor, cubana e negra como o café, é música profesional e escritora ocasional. Cris conta contos, algúns deles escritos por Amor, quen ademais acompaña á narración con notas musicais, unhas brancas e outras negras.
Amor e Cris xúntase para parir o espectáculo de narración oral e música en directo ‘Ida e volta’ , unha viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia de non perder a memoria e da riqueza da diversidade cultural. As dúas pensan que rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respectarase o futuro porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e de volta, coma a vida mesma.
Páxina web do festival: https://festivalatlantica.gal/.



