A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolveron a convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024. Seleccionáronse cinco proxectos considerados excelentes máis dúas mencións de honra.
Entre estes proxectos excelentes inclúese Aquí tamén se fala, impulsado polo Instituto IES Rafael Dieste da Coruña para promover o uso do galego. Trátase dunha campaña de marcada vertente dixital, xa que entre as súas facianas visíbeis atópase a web aquitamensefala.com e unha serie de vídeos subidos ás redes sociais nos que importantes persoeiros da cultura e doutros ámbitos expresan o seu apoio á nosa lingua. Por exemplo Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras.
Outro dos proxectos cualificados de excelentes é Non só é lume, do IES A Cachada de Boiro, do que podemos ver un vídeo no Youtube (unha posíbel precuela de O que arde, de Oliver Laxe, e que, de feito, conta coa presenza do seu protagonista, Amador Coro).

Tamén se inclúen os seguintes proxectos excelentes:
Fai un trato co galego!
CEIP de Prácticas López Ferreiro
Santiago de Compostela
A memoria das palabras
IES Fontem Albei
A Fonsagrada
Abrazando a diversidade lingüística
CEIP Plurilingüe de Tenorio
Cerdedo-Cotobade
Cada un destes cinco proxectos recibirá unha dotación económica de 2.000 € para o centro ou centros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante, alén de apoio e asesoramento no seu desenvolvemento e a difusión a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua, lingua.gal.
Dous son os proxectos aos que se lles concede unha Mención de Honra:
Son das flores, música para a transformación
CEIP Vicente Risco
Vigo
PaliquéochoEU
CEE María Mariño
A Coruña



