A Fundación Castelao, en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, presentou unha edición conmemorativa dos 40 anos do retorno do escritor e político rianxeiro Castelao a Galicia, deseñado por Niko Alvarellos, con forma de facsímile, co documento Castelao, Nacionalista Galego de Uxío Novoneyra e a súa transcrición, acompañado dun estudo histórico de Miguel Anxo Seixas Seoane e unha carta de Tareixa Navaza, coas lembranzas daquela xornada histórica.
A iniciativa, presentada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e representantes das fundacións responsábeis da iniciativa, enmárcase no programa de actos do 40ª aniversario da Volta de Castelao a Galicia.

Así escribía Novoneyra coincidindo co regreso dos restos do debuxante, intelectual, político e escritor rianxeiro: “Os restos de Castelao, foron traguidos polos que se confesan e profesan de non nacionalistas (algúns xa de vello, outros dende hai pouco) e quixeron meter e pechar o nacionalismo galego baixo da lousa de Santo Domingo de Bonaval xunto cos restos do seu líder histórico máis conocido e querido e de pensamento máis actuante e coiles enterrar a nosa esperanza. O noso mais grande salvador soño colectivo: a libertade e recuperación de Galicia, da súa Cultura e da súa total decisión”.


