Este venres o alcalde de Outes, Manuel González López e a concelleira de Turismo de Outes, Soledad Agra Tuñas, acompañados do conselleiro de Mar, Alfonso Villares Bermúdez e do presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, inauguraban a 2a Feira Náutica do Freixo nun acto oficial que tiña lugar ás 17:00 h no Centro Náutico Francisco Rama “Fufú”. A Feira Náutica do Freixo 2024, organizada polo Concello de Outes, patrocinada polo GALP Costa Sostible e a Concellería do Mar, co apoio de Portos de Galicia, é un evento profesional e de ocio que visibiliza, pon en valor e promove aos profesionais e outros axentes vinculados ao mar, particularmente as relacionadas coa construción naval e servizos náuticos, así coma a cultura mariñeira vinculada de Outes e da ría de Muros Noia, que se celebrará no peirao do Freixo entre os días 28 e 30 de xuño.
Coa inauguración procedeuse á apertura dos expositores profesionais, nos que as empresas e profesionais que acoden a esta segunda edición dan a coñecer as novidades do sector náutico. A continuación o histórico balandro Joaquín Vieta facía unha viaxe institucional pola ría, a primeira das varias singraduras que fará ao longo das 3 xornadas da Feira. A continuación do acto inaugural
celebrouse o Taller de Plásticos, unha actividade demostrativa e divulgativa do proxecto de transformación de plásticos Aula Sostible do Freixo, promovido pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra – Ría de Muros Noia no que participan activamente entidades de inclusión social, así coma o Concello de Outes, unha iniciativa de traballo colaborativo ao redor
dunha actividade innovadora de economía circular baixo os principios de responsabilidade social, inclusividade e apoio a iniciativas transformadoras. Os Jaitas Blues, grupo outense de música tradicional, amenizaron a primeira xornada con varios pasarrúas pola Ribeira do Freixo.
Ás 19:00 h celebrouse a primeira saída no roteiro dos “Carpinteiros cos pés mollados” e visita ao estaleiro, unha andaina de divulgación e coñecemento da importancia histórica da carpintaría de ribeira no Concello de Outes na que se visita o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián, rematando coa visita ao estaleiro Abeijón Hermanos S.L. Ao longo da
tarde, as persoas que se achegaron ata a Ribeira do Freixo puideron coñecer varios tipos de embarcacións tradicionais visitando os múltiples espazos expositivos que se estableceron ao longo do peirao, así como comprobar a pericia necesaria no proceso de construción de embarcacións tradicionais, asistindo a obradoiros de carpintaría de ribeira organizados por Culturmar e Terra
de Outes coa colaboración de Agalcari.
Asemade, inaugurouse o Mercado Mariñeiro, un espazo dedicado á artesanía mariñeira onde existen diversos postos de venda nos que mercar produtos artesáns relacionados co mundo mariño. Ao longo da tarde noite os asistentes puideron desfrutar dunha xornada lúdica que tivo a guinda coa enerxía do espectacular concerto a cargo de Mad Martin Trío, que pechou esta primeira xornada.
A Feira Náutica do Freixo está organizada polo Concello de Outes, co patrocinio do Galp Costa Sostible e a Consellería do Mar, e o apoio de Portos de Galicia.




