A asociación boirense Olloboi celebra esta fin de semana o seu tradicional festival audiovisual do mesmo nome. Farao cun formato innovador a través do cal daráselle cabida a outras artes como é a pintura. A concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, xunto con Ana Moreiras e Susana Diz, da Asociación Olloboi, e María Magán da galería La Doce, presentaron a actividade.
A primeira das accións programadas levarase a cabo este venres a partir das 20.00 horas na Casa da Cultura de Boiro, cando se proxecten as curtas gañadoras da Muchachada Olloboi, celebrada no pasado mes de marzo durante un intercambio co alumnado de Viana do Castelo. “O noso cómplice, Miguel de Lira, será o encargado de fallar os premios das distintas categorías nun acto no que proxectaremos as curtas que teñen unha gran calidade”, sinalaron dende Olloboi.
O sábado será cando teña cabida a parte máis innovadora da nova edición: o I Encontro de Pintura en Cadernos de Acordeón, unha actividade que se fai coa colaboración da galería La Doce. “A creación vai ser a protagonista deste encontro entre artistas afeccionados que pintarán Boiro en cadernos de acordeón”, recoñeceu María Magán.
Ás 11.00 horas en Cabo de Cruz entregaranse os cadernos, o itinerario proposto e a temática e a partir das 19.00 horas na Abadía de San Enrique entregaranse os premios ao tres cadernos gañadores mentres pinta en directo Leando Lamas. “Este Olloboi ten un valor engadido ao mesturar diversas artes e vai mais alá do audiovisual e incorpora tamén a pintura, con traballos sobre Boiro que posteriormente se expoñerán no Pazo de Goiáns”, recoñeceu María Outeiral.




