Tras celebrarse unha asemblea extraordinaria na mañá deste 7 de xuño en Madrid, o presidente de COGAMI, Anxo Antón Queiruga Vila, renova o cargo da presidencia de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica),
entidade estatal que representa ás entidades da discapacidade física e orgánica en España.
Esta reelección, que contou co apoio unánime das entidades estatais, autonómicas e provinciais convocadas, supón a terceira lexislatura na que Anxo Queiruga continuará no cargo por catro anos máis, converténdose na cabeza visible das máis de 3 millóns de persoas que representa COCEMFE.
“Continuaremos facendo un traballo incansábel dende todas as instancias, baseado no diálogo, en ser propositivos, en levar a nosa capacidade de colaboración e ofrecer solucións”, expresou Queiruga tralo seu nomeamento e engadiu que “non imos dubidar cando se trate de deixar claro que a defensa dos nosos dereitos non se pode aprazar nin eludir” e “non permitiremos pasos atrás neste sentido”.
Anxo representará, a través de COCEMFE, a máis de 1.600 asociacións en todo o territorio español, que atenden a máis de 2,5 millóns de persoas usuarias, converténdoa na entidade máis representativa da discapacidade en España.
Traxectoria de Anxo
Natural de Porto do Son e afincado en Compostela dende hai máis de trinta anos, inicia a súa primeira toma de contacto co movemento asociativo da discapacidade durante os anos 80 a través da asociación Ámbar da comarca da Barbanza. A partir de aquí, inicia a traballar en COGAMI en 1997, primeiro na área de Administración e logo como coordinador da área de Formación e Emprego, postos que combina co cargo de Vicepresidente, ata que en 2007, é nomeado presidente de COGAMI e do Consello de Administración de COGAMI Empresarial que representan ás iniciativas de economía social. Foi no ano 2016 cando Queiruga inicia a súa traxectoria como presidente de COCEMFE, cargo que repite en 2020 para volver renovar en 2024 durante catro anos máis.




