O voceiro do Grupo do Partido Popular no Senado, o ribeirense Manuel Ruiz Rivas, vén de presentar unha proposición na que insta ao Goberno de España a “facer os cambios lexislativos necesarios para recoñecer ás confrarías de pescadores como Organizacións de Produtores de Produtos (OPP) e acabar co distinto tratamento dunhas e outras no acceso a fondos públicos”. Na súa petición solicita ademais a defensa das ditas organizacións mariñeiras ante as Institucións Europeas e que sexan recoñecidas polo seu “papel imprescindíbel na Política Pesqueira Común (PPC) e a Organización Común de Mercados (OCM).

Dixo tamén que “malia ser un tipo de entidade sen parangón en España (cuxas primeiras referencias remóntanse a sete séculos atrás, no ano 1306, e que na súa configuración actual levan funcionando máis dun século coa creación a partir de 1921 dos chamados Pósitos de Pescadores) son moitas as ocasións nas que se constatou o descoñecemento que en Europa teñen, xa non só do sector pesqueiro español, das características da súa frota e das súas formas máis representativas de organización e asociacionismo, senón en particular do papel das confrarías, descoñecemento que se plasma na ausencia de calquera referencia ás mesmas nas máis importantes normativas da Unión Europea”.
E engadiu: “A Política Pesqueira Común ou a Organización Común de Mercados parecen descoñecer a existencia das confrarías de pescadores, aínda cando existen moitos séculos antes de a propia existencia dos Estados que conforman a Unión”, indícase na proposición popular, na que se explica tamén que “as institucións referidas parecen apostar por outras formas de organización que salvo na denominación poden ter os seus mesmos fins como son as Organizacións de Produtores de Produtos”.
Así, Ruiz Rivas lembrou que o novo tegulamento da OCM reforza as responsabilidades das organizacións de produtores da pesca e a acuicultura, ás que esixe a elaboración e implementación dun plan de produción e comercialización para garantir a sustentabilidade ambiental das súas actividades e, de forma parella, confírelles a posibilidade de financiar o desenvolvemento e aplicación da través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
“As organizacións de produtores de produtos da pesca e as organizacións de produtores de produtos da acuicultura desempeñan, pois, unha función fundamental para alcanzar os obxectivos e para a xestión correcta da PPC e da OCM, o que fixo necesario reforzar as súas actividades e facilitar a axuda financeira (…). Non só son un piar básico dela PPC e dela OCM se non que atopan na propia UE gran parte do seu financiamento, mentres as confrarías de pescadores están no máis absoluto dos esquecementos”.
No plano estatal o senador ribeirense destacou que no regulamento das diversas modalidades de asociacionismo do sector pesqueiro e marisqueiro en España, a través do recente Real Decreto 664/2023, óbviase unha vez máis ás confrarías de pescadores, xestoras e administradores da maioría das lonxas deste país, con preto de 200 destas entidades implantadas en todo o litoral español, agrupando a máis de 30.000 asociados. “E esquécese tamén das funcións que as confrarías poden ter segundo a lexislación que as regula, e que as asimilan ás que exercen as OPP, algo que se percibe claramente en normas autonómicas como o decreto da Xunta de Galicia 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan os pósitos e as súas federacións, cuxo artigo 1, apartado 4 evidencia de forma meridiana que as funcións que poden exercer as confrarías son as mesmas que as que exercen as OPP”.
E engadiu: “É o goberno español o que pode solucionar este aberrante esquecemento e modificar tanto a súa lexislación como instar os responsables da Unión Europea a que leven a cabo a asimilación das confrarías como OPP e acabar coa dificultade no acceso a fondos públicos e que está a poñer ás confrarías nunha situación crítica para garantir a súa subsistencia despois de séculos de existencia”.
Por último, Manuel Ruiz lembrou que se creou un grupo de traballo que “máis ben parece que é unha táctica dilatoria máis, posto que pasado meses desde a súa constitución non é que non tivese contido ou avances se non que simplemente como tal grupo non existe”.
En base ao exposto, o Grupo Popular do Senado insta ao Goberno de España a:
1-Facer os cambios lexislativos necesarios para recoñecer ás confrarías de pescadores como Organizacións de Produtores de Produtos e acabar co distinto tratamento entre elas no acceso a fondos públicos.
2-Defender ante as Institucións Europeas o papel das confrarías e sexan recoñecidas polo seu papel imprescindíbel na PPC e OCM.



