Este xoves 20 de xuño o Pavillón Polideportivo Municipal de Dodro acolleu unha xornada de exhibicións das Escolas Deportivas Municipais do Concello. Foi, en palabras do Consistorio, “unha pequena mostra do traballo que os diferentes grupos de actividades iniciaron en outubro de 2023, unhas actividades que, ademais de impulsar a práctica deportiva entre a poboación, serven de punto de encontro social e comunitario, coa creación de grupos con lazos de amizade e valores moi sólidos”.

O Concello explicou tamén que entre os seus principais obxectivos atópase o de seguir mellorando e amplificando actividades de lecer e participativas como as Escolas Deportivas Municipais.
Dende o Consistorio agradeceron a implicación da veciñanza e o monitorado participantes.
Quen queira ver a colección de imaxes do Concello sobre a exhibición deste 20 de xuño tenas dispoñíbeis no Facebook municipal.

As Escolas Deportivas veñen de man da área municipal de Deportes e coa colaboración da Deputación da Coruña. Para nenas e nenos ofrécense as seguintes actividades: psicomotricidade, multideporte, patinaxe e baile deportivo. Para maiores de 15 anos, ximnasia de mantemento, pilates, zumba, adestramento funcional – crossf. Para as persoas maiores de 65 anos e persoas con mobilidade reducida as actividades programadas son psicomotricidade e tonificación. As actividades lévanse a cabo no Pavillón Municipal. Máis información a través do 981802532 e deportes@dodro.gal.




