Este sábado 15 de xuño, Ribeira estrea o novo “Auditorio Municipal”

14 Xuño 2024

Tras máis de catro anos o novo Auditorio Municipal de Ribeira abre este sábado 15 de xuño as súas portas, cunha programación especial que busca mostralas potencialidades que ten a infraestrutura, cun  salón principal dotado de medio milleiro de butacas e un escenario preparado para dar cabida a montaxes de gran formato ata o de agora impensables na cidade.

Será unha axenda ampla e diversa que en palabras do rexedor “multiplica as prazas que actualmente ten o Auditorio Municipal; para que toda a poboación poida desfrutar de espectáculos de diversa índole de xeito gratuíto”.

A gala inaugural será o 15 de xuño coa Orquestra de Cámara Galega, acompañándose dunha animación de rúa para tódalas persoas que agarden pola apertura das portas. O acto institucional de apertura será a partir das 19:00 h coa animación de rúa e acollida de personaxes de Barafunda (un zancudo que repartirá aos asistentes o programa de inauguración e unha bailarina de ballet que repartirá o programa do concerto ademais dun malabarista) e a continuación celebrarase o concerto estelar da Orquestra de Cámara Galega, ás 20:00 h na sala principal do Auditorio.

O domingo 16 de xuño proseguen as actividades cunha función de música infantil e familiar: O mundo máxico de Pinocho da compañía Educateatro. A entrada será de balde, como en todo o programa inaugural, e poderá recollerse no propio Auditorio unha hora antes da función ata o máximo de dúas por persoa, podendo acceder á sala principal 1⁄2 h antes co comezo da sesión. En O mundo máxico de Pinocho, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi.

A axenda continúa o martes 18 de xuño, cun concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, a partir das 20.00 horas, grazas á colaboración da Deputación da Coruña. Será na sala principal do Auditorio Municipal. A entrada, que será de balde, poderase recoller ata un máximo de 2 por persoa dende unha hora antes do comezo no propio vestíbulo do edificio, podendo acceder á sala dende media hora antes do inicio do concerto.

O xoves 20 de xuño será a quenda do grupo NOAR, que achegará un concerto para o alumnado de Educación Secundaria do municipio, grazas á colaboración da Deputación. A través desta actuación da axenda inaugural búscase brindar un espazo para o público xuvenil, implicando a súa participación. NOAR, para quen non o saiba, é a banda gañadora do 2º Premio no Concurso Fran Pérez “Narf” 2022. Trátase do proxecto musical de Iago Marta (guitarra, efectos e loops) e Rubén Fernández (voz, efectos e loops), dous músicos galegos formados na escola jazzística catalá.

O programa continúa o sábado 22 de xuño con Bailadoras, ás 20.00 horas, o espectáculo de fin de curso da Escola Municipal de Ballet de Ribeira, dirixida pola profesora Cristina Riveiro. Actuarán unha trintena de alumnas da Escola con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos. A entrada é de balde e será xestionada pola propia EMB de Ribeira. Realizarán as seguintes danzas: As Lavandeiras, As Redeiras e As Mariñeiras.

O venres 28 de xuño será a quenda (ás 21.15 horas) de Passport, da compañía Yllana, considerada unha das máis destacadas agrupacións de teatro cómico xestual da escena nacional e internacional. Passport é a historia de 4 cómicos de xira nun país chamado Komedistán. Os problemas na aduana para entrar no país, o conflito coa lingua nun restaurante, a hospedaxe nun hotel desastroso e o antes e o despois dunha función resumen a experiencia de traballar no estranxeiro.

O sábado 29 de xuño chega a sétima edición do Festival Entrefolclores de Tahume, o grupo de baile e música tradicional con centro de operacións na parroquia ribeirense de Olveira. O seu certame Entrefolclores, que neste 2024 chega á sétima edición, celebrarase nestas instalacións ás 20:00 h e contará coa participación da Asociacións Cultural Farallón de Tábata (Canarias).

Auditorio Municipal de Ribeira. Entrada principal. O Barbanza

O domingo 30 de xuño celebrarase o acto de clausura do Xuño da Cultura e as Artes, coordinado pola Área de Cultura de Ribeira e que neste 2024 chega á súa edición 11. Contará coa participación das distintas entidades participantes ás que se lles fará entrega dun diploma conmemorativo e un agasallo institucional que consistirá nunha peza de cerámica galega de Barreiros, co escudo institucional do municipio pintada a man en azul e branco. O acto será ás 21:00 h con entrada de balde ata encher a cabida do local. No evento tamén participará o grupo de rapazas (mediano) da Escola Municipal de Ballet, baixo a dirección de Cristina Riveiro, cunha peza de polifónica da Coral Ribeira, dirixida por Alexandre Fontán, que ofrecerá unha pequena actuación do seu repertorio, para pechar o acto. Tamén terá presenza neste acto a Escola Municipal de Teatro, dirixida por Óscar Romero. O presentador será o xestor cultural municipal, Unai González.

O 6 de xullo será a quenda da Gala de Novo Circo Galego, de Culturactiva, que explorará as posibilidades do Auditorio e do seu escenario (cun peite ou grella que alcanza os 10,50 metros) para as acrobacias circenses aéreas. A gala será ás 20h. Actuarán, entre outros, o clown Isla Le Triska, os acróbatas Desastrounauts e os artistas Fran Rei (cómico e director teatral) e Félix Rodríguez (cómico, mestre e músico). A gala estará presentada pola actriz Corina Mañá. A entrada, que será de balde, poderase recoller ata un máximo de 2 por persoa dende unha hora antes do comezo.

O domingo 7 de xullo celebrarase o Festival de Baile Moderno de Alfaia. A asociación ribeirense realizará o seu festival de fin de curso con todos os participantes de baile moderno que ao longo do ano participaron nas actividades de danza de entidade. Contarase coa participación de preto dun cento de nenas e nenos sobre as táboas, baixo a dirección da súa profesora Carmen Pena. A entrada ao festival, de balde, será xestionada pola propia Alfaia.

O domingo 14 de xullo será a quenda do musical solidario Non Estamos Tolas, de MimArte a beneficio da AECC de Ribeira. O grupo de teatro musical, técnica vocal e canto MimArte, dirixido por Tania Fuegho porá sobre as táboas un novo musical cheo de cor, música, baile e humor, destinado de xeito benéfico á Asociación Española Contra o Cancro de Ribeira. Será ás 20:00 h.

PAXINA DO MENSUAL “O BARBANZA” DE XUÑO DEDICADO O AUDITORIO:

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...