
O Festival Atlántica presentou este xoves 13 de xuño o programa completo da súa duodécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 7 de xullo, con actuacións na nosa comarca: en Dodro, Outes, Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Na rolda de prensa participaron Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento Evelyne López Mussons, coordinadora de Atlántica en Portugal, e numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival
Coma en edicións previas, Atlántica vai chegar ás grandes cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol, mais tamén a concellos de tamaño medio como Ribeira, Vilalba, Caldas de Reis, Betanzos ou Teo, e a concellos do rural como Pazos de Borbén, Dodro ou Alfoz, Cuntis e Outes, entre outros. “Este festival ten unha capilaridade que se espalla polo territorio grazas á complicidade de múltiples axentes institucionais e da sociedade civil e que fai de Atlántica un ente cultural flexíbel, que se dá adaptado a públicos e espazos diversos”, sinalaron Louzao, González e Felloza, salientando o a vontade de descentralizar o programa dende Santiago, sede principal de Atlántica, onde as funcións urbanas conviven coa aposta decidida por barrios, lugares e parroquias do extenso rural do concello.
Mais Atlántica 2024 non esquece a súa función reivindicadora da narración oral como disciplina artística, ben sexa coa programación de propostas de La Chana Teatro como a montaxe Pisando el llano, espectáculo inaugural, ou a singular Blancanieves, na que todas as personaxes son lámpadas, peza multipremiada que no 2023 acadou o Max ao mellor espectáculo infantil e xuvenil.
Haberá tamén espazo para as estreas Contar para vivilo, de Cándido Pazó, Contos de revolución. Entre Brassens e Neira Vilas, de Dani Blanco, Contos, cantos e outros tantos, da portuguesa Ana Sofía Paiva e as Lendas suburbanas de Quico Cadaval. E seguirá a aposta polos contos de terras afastadas e bañadas por outros mares, como as historias de fino humor de Yoshi Hioki e tamén pola potencia narrativa da terra e da que é bo exemplo o Premio Nacional Paula Carballeira.
Atlántica volverá transitar pola senda da narración oral como disciplina híbrida, facendo fincapé na boa maridaxe entre contos e música. Unha mestura que está a dar moi bos resultados entre o público infantil —2004-2024-Grandes éxitos de Caxoto ou Son animal de Paco Nogueira—, pero tamén co público adulto, como demostrará Su Garrido Pombo ao clausurar o festival con Patio de luces.

Non faltará un clásico de Atlántico: os roteiros narrados. “A colaboración con axentes locais expertos permite amosar o poder das historias como xeito de transmitir e dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial”, sinalaron na presentación do programa, engadindo que este ano haberá en Santiago unha ruta en bicicleta polos castros da bisbarra e mais un percorrido polo petróglifos da Devesa da Rula e polo románico do rural. Reivindicarase tamén o legado da Igrexa de Vilar de Donas da man de Carola Casal e Carme Varela con 800 anos das Giocondas galegas, Guillermo Llorca guiará pola escultura urbana de Ferrol e José María Eguileta paseará pola evolución urbana de Ourense, por citar algunhas das doce actividades programadas.
Fiel á súa filosofía, Atlántica segue a amosar a súa faceta integradora: mantén o seu compromiso coas persoas con discapacidade auditiva programando funcións con interpretación en lingua de signos, regresará á aula de pediatría do CHUS e, como novidade desta edición, desenvolverá unha experiencia particular ”silandeira” con colectivos con TEA e TDH.

Sementando novos espectadores
Aínda que a maior parte do programa está previsto para xullo, o Festival Atlántica Miúdo volve ollar cara aos máis pequechos na recta final do curso escolar. Xa que logo, entre o 14 e o 22 de xuño haberá un programa especial concibido para o público infantil de centros de ensino de Santiago, Brión e Pazos de Borbén. Tamén están previstas funcións na Biblioteca Ánxel Casal e mais no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Alén diso, entre o 1 e o 7 de xullo, Atlántica inclúe unha grande oferta para a cativada e as súas familias que se pode consultar, co resto da programación, na web festivalatlantica.gal.
O XII Festival Atlántica é posíbel grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba.
En Dodro
Venres 5 de xullo
21.00 h – HISTORIAS DE FILANDAR
José Luis Gutiérrez Don Guti (Zamora)
O Pozo do Conxeiro en Eiró
Sábado 6 de xullo
21.00 h – COMO CEREIXAS
Ana Sofía Paiva (Portugal) e Charo Pita (Galicia)
Praza do Peixe de Lestrobe
En Outes
Sábado 6 de xullo
20.30 h – CONTOS DE XAPÓN
Yoshi Hioki (Xapón)
Espazo Museístico da Carpintaría de ribeira en Broña (Outes)
Adultos | Castelán
Sábado 13 de xullo
20.30 h – IDA E VOLTA
En branca e negra [Cris de Caldas (Galicia) e Amor Herrera (Cuba)]
Terraza do Náutico no Freixo
Adultos | Galego
Na Pobra do Caramiñal
Venres 5 de xullo
21.00 h – PATIOS DE LUZ
Su Garrido Pombo (Galicia)
Xardíns do Pazo do Couto entrada pola fonte do Castelo
Adultos | Galego
Sábado 6 de xullo
21.30 h – IDA E VOLTA
En branca e negra [Cris de Caldas (Galicia) e Amor Herrera (Cuba)]
Adultos | Galego
O Cantón da Leña
Adultos | Galego e castelán
En Ribeira
Venres 5 de xullo
21.00 h – Á VOLTAS DOS CONTOS
María da Pontragha (Galicia)
Lavadoiro de Penisqueira
Adultos | Galego
Sábado 6 de xullo
21.00 h – CONTOS DE REVOLUCIÓN ENTRE BRASSENS E NEIRA VILAS
Dani Blanco (Galicia) e Zé Pumar (Galicia)
Miradoiro da Pedra da Ra
Adultos | Narración en galego e música en francés



