O Concello de Muros presentou este mércores 5 de xuño o seu novo programa de compostaxe doméstica, unha iniciativa destinada a impulsar a reciclaxe nos fogares, coa reutilización da materia orgánica “xerando importantes beneficios ambientais”, explicou a alcaldesa María Lago, poñendo o foco nas posibilidades que se poñen en xogo con esta práctica para reducir o uso de fertilizantes químicos. A rexedora presentou a campaña xunto a Sonia Lago, técnica de Sostibilidade.
“Os restos orgánicos supoñen máis do 40% do lixo xerado polos particulares, que coa compostaxe obteñen un compost con excelentes propiedades fertilizantes, coidando ademais do medio ambiente”, manifestou a alcaldesa, quen, xunto coa concelleira, repasou a metodoloxía a empregar: “O máis importante é colocar o composteiro nun lugar axeitado, en contacto directo coa terra para que os organismos descompoñedores teñan un acceso máis doado ao interior do composteiro. Debe estar nunha zona sombreada protexida de cambios bruscos de humidade e temperatura”.
Ademais, sinalaron, para obter un compost de calidade o mellor é empregar diferentes materiais: restos de comida, pousos de café ou infusións, restos de poda, follas, céspede, restos da colleita da horta, ou excrementos de animais.
Todos os veciños e veciñas interesadas recibirán na Casa do Concello a información necesaria para realizar de forma correcta a compostaxe doméstica.




