O Goberno local de Boiro presentou para o seu debate e aprobación no vindeiro pleno da Corporación o Orzamento 2024, que ascende aos 17.367.000 euros. O alcalde, José Ramón Romero, e o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Luis Ruiz, debullaron os diferentes ámbitos aos que se vai destinar a totalidade do presuposto municipal.
Segundo fixeron saber, “trátase dun Orzamento que medra nun 3,02% con respecto ao do exercicio anterior no que creceron os ingresos correntes ata un 9,37% gracias á maior previsión de recadación do ICIO e tamén pola decisión de dedicar parte do POS+ da Deputación da Coruña a este gasto corrente”.
Tamén fixeron saber que o Orzamento 2024 do Concello de Boiro destina un 38,35%, un total de 6.660.818,67 euros, a gastos de persoal. “Esta cifra contempla unha partida de 308.000 euros para cumprir coa petición do comité de empresa para seguir avanzando nas negociacións para a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo actualizada”, recoñeceu o alcalde.
Para bens e servizos destínase un 43.32%, un total de 7.523.678,57 euros; e para investimento un 7,19%, superando os 1.250.000 euros, que se van empregar para a pavimentación de diversas rúas no rural, actuacións en Bealo, Pazos de Coroño, Cubeliño e Ferreiros, no Saltiño, a costa de Espiñeira e no Esteiro. Ademais, parte da inversión do orzamento vaise empregar para financiar a parte que corresponde ao Concello do Campo da Mina, que se vai executar mediante o Plan de Obras e Servizos da Deputación.
Romero e Ruiz tamén salientaron as subvencións e transferencias, nas que se destina un total de 838.555,50 euros para asociacións clubs e entidades deportivas. “Este ano de forma especial destaca a mellora das instalacións náuticas dos clubs de Barraña e Cabo de Cruz, que reciben cada un deles 125.000 euros para mellorar as súas instalacións e sigan medrando como referente do turismo náutico”, afirmou o alcalde.
Luis Ruiz engadiu que “este orzamento presenta unha situación de superávit antes de axustes de 648.065,72 euros, cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria e cumpre coas obrigas que impón a regra de gasto”. Gracias a este orzamento, dixo, “a final de ano a débeda viva situarase nun 26,09% fronte ao 30,46 do comezo da anualidade”.
O Goberno local presentará para o seu debate e aprobación este Orzamento 2024 o vindeiro xoves no pleno da Corporación. “Estamos ante unha boa proposta, que cubre as necesidades do Concello para este ano 2024, que ten investimento en todo o municipio, que cumpre cos traballadores e traballadoras e que reduce a débeda viva”, afirmou o alcalde.




