O Concello de Boiro vén de facer unha convocatoria da Oferta de Emprego Público 2024 mediante a que se vai aumentar o cadro da Policía Local de Boiro ao convocar as prazas vacantes. En total vanse cubrir sete prazas na vindeira convocatoria da AGASP.

“Non se cubrían as prazas vacantes por xubilación dende o ano 2009, polo que o cadro da Policía Local de Boiro se veu moi mermado nos últimos anos”, recoñeceu o alcalde, José Ramón Romero, engadindo que “no ano 2019 realizouse a primeira convocatoria de prazas para a Policía Local en dez anos”, e que “mediante este proceso convocáronse 4 prazas das que se incorporaron dous axentes ao solicitar os outros dous excedencia no momento da incorporación”.
Na pasada semana publicouse no DOG a convocatoria de 7 prazas de axente, 6 de quenda libre e 1 por mobilidade. Estas prazas correspóndense ás convocadas na OPE 2023, que inclúe 3 de quenda libre e unha de mobilidade e 2 de quenda libre da OPE 2024. Está previsto que se incorporen no ano 2025 unha vez rematen a súa formación e probas selectivas na Academia Galega de Seguridade Pública.
O Concello de Boiro aprobou no ano 2023 un convenio coa Presidencia de Xustiza da Xunta de Galicia para que sexa a propia AGASP a que desenvolva os procesos selectivos do corpo da Policía Local. “Xa se realizou este procedemento para a contratación dos auxiliares de policía que están a prestar servizo este verán. Grazas a esta formula axilizamos os procesos dunha forma moito máis garantísta”, afirmou o alcalde.



