A deputada do BNG Rosana Pérez vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta do PP a construción dun novo depósito da auga en Noia que permita atender o abastecemento á poboación, durante un mínimo de 48 horas, en caso de avarías ou de episodios de turbidez ou mala calidade da auga da traída.
A deputada da comarca pide en concreto que xa nos orzamentos do próximo ano se contemple a partida necesaria para un novo depósito con maior capacidade que o actual, pois este só podería atender a unha poboación de 15.000 persoas durante 3 ou 4 horas.
Na súa iniciativa, Rosana Pérez subliña que dende o pasado mes de marzo, cando a Xunta adxudicou as obras de mellora da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) no Concello de Noia, por un importe superior aos 1,2 millóns de euros, téñense producido novos episodios de contaminación no río Vilacoba e, como consecuencia, fortes cheiros e turbidez da auga da traída municipal que chega ás vivendas.
“Esta situación non é nova, leva anos producíndose, ao igual que as promesas e actuacións para solucionala, que se veñen facendo o de xeito recorrente dende hai máis de oito anos”, denuncia a deputada nacionalista.
Rosana Pérez considera “moi necesarias” as obras de mellora da ETAP de Noia porque, segundo explica, permitirán a súa capacidade para dar servizo a unha poboación de 24.000 habitantes, máis lamenta que as actuacións non contemplen o novo depósito da auga para garantir o subministro durante un mínimo de 48 horas en caso de avaría. Iso, malia que o depósito é unha promesa que se vén facendo dende o ano 2016, cando a daquela conselleira de Medio Ambiente e o aínda hoxe alcalde da localidade anunciaran a súa construción urxente para rematar cos problemas constantes de turbidez da auga que, segundo dixeran, “tiñan os días contados”.
“A día de hoxe, oito anos despois, séguense a producir este episodios e Noia continúa co mesmo depósito sen apenas capacidade para abastecer á poboación. A Xunta volveu esquecer o depósito tantas veces comprometido”, lamentou a deputada, que se pregunta “que sentido ten ampliar o abastecemento para 24.000 habitantes e ao mesmo tempo manter un depósito que só pode atender a 15.000 durante unhas poucas horas”.
“A modernización da ETAP, que debería estar rematada neste ano 2024, é, sen dúbida, unha das actuacións máis longamente demandada pola cidadanía de Noia e polos seus representantes políticos no Concello, mais a dotación dun novo depósito, de maior capacidade, faise absolutamente imprescindíbel”, conclúe.




