Medio Ambiente lanza na Pobra un concurso para apoiar aos concellos que queiran dixitalizar as súas redes de abastecemento

26 Xuño 2024

A Consellería de Medio Ambiente lanzou este mércores 26 de xuño un concurso para apoiar os concellos de menos de 20.000 habitantes que queiran dixitalizar as súas redes de abastecemento en alta e optimizar así o uso da auga controlando en tempo real a súa calidade. Os detalles da iniciativa foron dados a coñecer a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Pobra do Caramiñal.

Alí explicou que o Diario Oficial de Galicia publicou este mércores 26 unha resolución de Augas de Galicia pola que se aproban as bases reguladoras para a selección dos concellos interesados no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais para facer un seguimento continuo dos seus sistemas de abastecemento. “Este procedemento”, detallou, “é a primeira vez que se pon en marcha en Galicia e supón ofrecer aos gobernos locais a posibilidade de replicar un modelo de dixitalización das infraestruturas hidráulicas que xa está implantado na práctica totalidade das estacións depuradoras que xestiona o Executivo galego, como é a da Pobra do Caramiñal; deste xeito, os concellos disporán de ferramentas coas que xestionar en tempo real e en remoto os sistemas de abastecemento en alta da súa titularidade”.

O concurso promovido pola Xunta, dotado cun orzamento de preto de 5,8 millóns de euros cofinanciados poia Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-NextGenerationEU, está dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes con sistemas municipais de abastecemento de auga en alta incidindo en sistemas de distribución de auga para consumo como as captacións, depósitos e estacións de tratamento (ETAP) de titularidade pública. Os municipios incluirán na súa solicitude (que poden presentar ata o 29 de xullo) as infraestruturas nas que queren actuar, podendo actuar tamén nas conducións que conectan estas instalacións e as redes de distribución en alta, antes do inicio da subministración aos usuarios.

Ángeles Vázquez explicou que a idea de Augas de Galicia é comezar coa dixitalización das redes de abastecemento pero, en función da acollida desta convocatoria, a idea é seguir dixitalizando infraestruturas do ciclo da auga continuando co resto do sistema de abastecemento ou pasando aos de saneamento ou depuración.

Unha vez completado o proceso de selección dos concellos beneficiarios, o Executivo galego realizará un diagnóstico dos sistemas de abastecemento municipais, instalará os equipamentos dixitais e conectaraos a unha aplicación informática para facilitar a xestión municipal destas infraestruturas.

A conselleira lembrou que esta iniciativa busca garantir a prestación duns servizos eficaces e eficientes optimizando o uso da auga e preservando a súa calidade en tempo real, “tal como se fixo na práctica totalidade das depuradoras xestionadas directamente por Augas de Galicia” sinalou, engadindo que “esas EDAR contan con sistemas automatizados de supervisión para controlar dixitalmente os principais parámetros de funcionamento da planta así como con equipamentos independentes de control continuo da calidade da auga depurada, que miden e rexistran en tempo real a turbidez da auga de saída e outros sinais para o seguimento da calidade tales como o caudal ou a condutividade”.

Lembrou que a maiores, Augas de Galicia está desenvolvendo unha nova plataforma para a monitoraxe en remoto e en tempo real das infraestruturas de saneamento que “permite a recollida en continuo de datos de diferentes fontes relevantes para coñecer o estado dos procesos e posíbeis desviacións mediante un elevado número de sinais dos sensores, do estado dos equipamentos ou do control enerxético”.

EDAR da Pobra

A depuradora da Pobra que visitou Ángeles Vázquez implantou sistemas dixitalizados para a detección de verteduras e para a xestión e optimización do proceso de depuración obtendo o maior rendemento posible.

Esta instalación púxose en marcha no ano 2003 e está deseñada para unha poboación de 30.000 habitantes equivalentes dando servizo a varios núcleos da Pobra do Caramiñal, a dous parques empresariais da zona e a outros establecementos industriais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Errar es de humanos” – José Antonio Constenla

“Errar es de humanos” – José Antonio Constenla

Decía Séneca que “errar es humano” y por tanto, si esto fuese así, uno podría concluir que “no errar será de no humanos”. Dos mil años después, esta premisa necesita una actualización y no porque haya dejado de ser cierta, sino porque ya empieza a haber quien, con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.