
O Concello de Porto do Son organiza este verán unha actividade formativa moi indicada para a rapazada (e non tan rapazada) que queira introducirse no ámbito da música. Trátase de Piano Summer (Festival & Masterclass), un curso de interpretación pianística impartido por Leticia Recamán Casal e dirixido a estudantes de todos os niveis: principiante, profesional, superior ou mesmo para persoas sen coñecementos previos que desexen iniciarse neste instrumento (adultos e nenos a partir dos 7 anos de idade). As prazas serán limitadas e están abertas até o 14 de xullo. A inscrición pode facerse en liña a través da folla habilitada. Quen precise máis información tena na web de Leticia Recamán.
A formadora
Natural de Santa Uxía de Ribeira, Leticia Recamán estudou piano no Conservatorio Profesional de Música desta mesma localidade coa profesora Cristina Sastre, ao finalizar obtivo o Premio Final de Grao. Logo proseguiu os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo, co profesor Arabel Moráguez, onde obtivo o Título Superior de Música na especialidade de Interpretación, Itinerario de Piano 2016. Durante estes anos participou en recitais organizados por ambos os conservatorios e varios cursos de interpretación pianística a cargo de profesores como por exemplo: Andrés Alén, Roberta Bambace, Katia Beckman ou Iván Citera, entre outros/as.
Realiza os seus estudos de posgrao na Universidade Internacional de Valencia, obtendo o título de Mestrado en Investigación e Interpretación Musical na especialidade de Piano, 2022.
Na actualidade é docente de Piano, Linguaxe Musical e Coro na Escola Municipal de Música de Porto do Son.



