A sede da Asociación de Empresarios de Ribeira acolleu na tarde deste martes 11 de xuño, na sala de xuntas, unha xuntanza de traballo destinada a perfilar todos os detalles relativos á organización da Feira Gastronómica Gastromar, xuntanza na que participaron os representantes das entidades implicadas na feira, incluída a patronal ribeirense, principal impulsora da mesma.
Asistiron á reunión, xunto con membros da Asociación de Empresarios, o patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, a xerente da Cooperativa do Mar, María José Casais, e representantes de varios establecementos hostaleiros locais, como A Caseira e o Restaurante Tío Pepe, ademais da voceira do Partido Popular en Ribeira, María Sampedro. A patronal ribeirense non puido contar coa presenza do concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, ao que lle foi imposíbel acudir por motivos de axenda e, de feito, escusouse pola súa ausencia.
Na reunión mostráronse os detalles da axenda de traballo e anunciouse a presenza nesta edición da caseta da Deputación da Coruña que por primeira vez participará con stand propio, dando realce ao evento e así como outras empresas de Ribeira pendentes de confirmar.
Francisco Martínez Gude, presidente da patronal, agradeceu a crecente implicación e participación de empresas e entidades: “Cada día son máis as firmas, asociacións, organismos e institucións interesadas en acudir, e agradecemos de antemán o seu apoio, dende a Xunta de Galicia, pasando pola Deputación da Coruña e, como non, o Concello de Ribeira”.
A Feira Gastromar celebrarase os días 23, 24 e 25 de agosto e nela poderanse degustar diferentes peixes e mariscos propios da nosa ría, dos cales a Asociación de Empresarios dará conta en vindeiras xornadas de traballo, unha vez concretados todos os participantes e produtos nas súas diferentes presentacións.
“Estamos a poñer todo o noso empeño nesta terceira edición da feira co obxectivo de que poidan gozar dela tanto a veciñanza da comarca como a xente de fóra que desexe gozar nestes días dos produtos do noso mar e das súas industrias transformadoras”, engadiu Francisco Martínez Gude.




