O Concello de Boiro aprobou no pleno do pasado mes de decembro unha Ordenanza de Circulación co obxectivo de regular a mobilidade e o estacionamento no municipio. O alcalde, José Ramón Romero, explicou este 19 de xuño os puntos clave da nova normativa.

Segundo fixo saber, despois da aprobación en pleno e a exposición pública do texto, a Ordenanza de Circulación está xa en vigor dende o 6 de maio. Esta ordenanza regula, entre outras cousas, as zonas azuis, as zonas de carga e descarga, as prohibicións e restricións circulatorias e tamén regulacións específicas como as zonas peonís ou as ocupacións de vía pública.
“A zona de estacionamento rotatorio gratuíta tan demandada está xa en funcionamento e nestes primeiros meses faremos un labor de concienciación para o seu correcto uso”, recoñeceu o alcalde.
En todo o termo municipal hai un total de 198 prazas de zona azul distribuídas ente o núcleo urbano de Boiro e en Cabo de Cruz e Lampón, sendo 115 de 30 minutos e 83 de 2 horas. A zona azul está operativa de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. A ordenanza tamén regula as zonas de carga e descarga e as zonas peonís. O control das zonas azuis farase mediante un vehículo dotado dun sistema OCR que xeolocaliza os coches estacionados e o tempo.
Este texto, dixo, “ten como finalidade facer fronte á crecente carencia de espazo público de estacionamento, á proliferación de novos sistemas de mobilidade persoal e que deben encaixarse mediante normativa municipal e tamén ao predominio do peón respecto do vehículo nos núcleos máis urbanos”.
E engadiu: “Un dos nosos obxectivos é mellorar os servizos e a mobilidade nos distintos núcleos de poboación, garantindo a convivencia de vehículos e peóns e dotando as rúas dunha maior seguridade”.



